O BNG chama a Xunta e Goberno Español a actuaren “xa” para evitar a desaparición do sector naval de Vigo

Compartir
Naval. Fonte: BNG

A fronte nacionalista reclama a intervención pública do sector para garantir a súa viabilidade, en particular dos principais estaleiros dos que depende a industria auxiliar.

A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Carmela González, denuncia que a “pasividade terríbel” da Xunta do PP está abocando ao sector a unha situación crítica.

Xabier P. Igrexas: “Estamos diante do risco real de ver desaparecer o naval de Vigo tal e como o coñecíamos pola deliberada inacción dos gobernos galego e español”.

 

O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar este venres que Xunta e Goberno español solucionen con urxencia a situación límite que vive o sector naval de Vigo. A fronte nacionalista denunciaron a “reiterada e deliberada inacción”, de ambos gobernos á hora de enfrontar a grave crise industrial que vive a cidade, polo que urxiron a tomar medidas ante o “risco real de desaparición do sector naval tal e como o coñecíamos até o momento”.

“É fundamental que o sector naval teña futuro para garantir emprego na ría de Vigo”, apuntou en rolda de prensa a deputada no Parlamento de Galiza, Carmela González, acompañada do concelleiro do BNG na cidade, Xabier P. Igrexas.

González salientou que as nacionalistas teñen esixido a Xunta, que ten competencias en materia industrial, unha intervención pública do sector para asegurar a viabilidade do naval. Porén, o PP só ofreceu negativas e continúa instalado nunha “pasividade terríbel” que, en opinión da deputada nacionalista, está abocando ao sector a unha situación límite.

 

Naval. Fonte: BNG

 

Un contexto crítico que ten como vértices os tres principais estaleiros da cidade: o antigo Vulcano, Barreras e Metalships. En relación a Vulcano o Bloque volveu denunciar os atrancos que o Partido Popular segue a poñer, desde a Autoridade Portuaria, á continuidade do antigo Vulcano, coa negativa a outorgar a autorización provisional solicitada polos actuais Estaleiros San Enrique o pasado setembro, e as incertezas que pairan sobre unha eventual nova concesión portuaria. Neste sentido, as nacionalistas explicitan os seus “temores fundados” de que o novo prego pretenda inviabilizar na práctica que o estaleiro continúe coa súa actividade, aludindo as cada vez máis indisimuladas alusións da Autoridade Portuaria de Vigo a alargar o espazo para usos loxísticos.

Especialmente preocupante é a situación de Barreras, que é o maior estaleiro privado do Estado español, e que segundo a fronte nacionalista está “asomando no precipicio da súa desaparición definitiva”. Neste sentido, sinalaron o complexo cadro económico que ten o estaleiro de Bouzas, con perdas de 70 millóns de euros no último exercicio e arredor de 100 millóns de euros de débedas. Unha situación financeira que agrava a total incerteza sobre o futuro do Evrima, único buque en construción, e a ausencia de ofertas por parte doutras compañías para garantir a continuidade do estaleiro. “O que estamos a ver son propostas inconcretas que poderían acabar no desgaxamento dos activos de Barreras pero ningún compromiso firme para poñer en marcha o estaleiro”, advirten.

Engádese tamén a falla de carga de traballo noutro estaleiro relevante, como é Metalships, e tamén a “asfixia” que padece o conxunto da industria auxiliar derivada da falta de carga de traballo e dos impagamentos.

Emporiso, González criticou que o proxecto de orzamentos da Xunta que se está a debater na actualidade non inclúe ningunha partida destinada a plans industriais na comarca de Vigo e concretamente para o naval. “Cero euros para un sector que necesita de actuacións urxentes”, demandou. “A única política que mantén a Xunta do PP para o sector naval é encher de diñeiro público os petos das empresas privadas sen ningunha garantía”, reprochou a deputada insistindo na oposición das nacionalistas a “seguir apalancando con diñeiro público a nefasta xestión privada de Barreras” demandando, en troca, a “toma de control desde o público”.

 

Risco real de desaparición do sector

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, advertiu que existe “un risco real de ver desaparecer o sector naval de Vigo tal e como o coñecíamos” e criticou que “despois de moitos meses de agonía, o que estamos a constatar é a total e deliberada inacción tanto da Xunta do PP como do Goberno español de PSOE-Unidas Podemos”.

Igrexas lembrou as numerosas iniciativas despregadas polo BNG, tanto no Congreso, no Parlamento galego como a nivel municipal, para urxir medidas concretas e verificábeis que eviten un desenlace fatal par ao sector naval, pero que chocaron co rexeitamento de PP e PSOE. “O momento de actuar é agora. Cómpre poñer en marcha medidas concretas que permitan a continuidade do antigo Vulcano e que impidan a desaparición de Barreras, para blindar a continuidade dun sector estratéxico para Vigo e a súa comarca”, demandou.

“Non podemos ficar impasíbeis diante desta nova reconversión encuberta, temos que dar a batalla polo futuro do sector naval de Vigo”, esixiu o portavoz municipal nacionalista, quen subliñou que os datos da última Enquisa de Poboación Activa (EPA) recollen que arestora hai 6.100 empregos menos no conxunto da industria viguesa que os existentes en 2009.