
7 octubre, 2025
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) abre un proceso de consulta veciñal para recibir propostas de cara á elaboración dos orzamentos do Concello de Vigo para o ano 2026. A fronte nacionalista comprométese a trasladar estas demandas a través das súas emendas ao proxecto de contas do Goberno de Abel Caballero que, denuncian, está sendo elaborado con “opacidade, sen diálogo nin participación”.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, rexeitou que un ano máis o Goberno local “queira impoñer co seu rodete absolutista” uns orzamentos que só contan coa opinión do PSOE. Nese sentido, criticou a negativa do alcalde a poñer en marcha un mecanismo de orzamentos participativos, como ten proposto o Bloque de forma reiterada, para que as viguesas e vigueses decidan a que se destinan os recursos do Concello.
“O BNG apostamos sempre na participación, na certeza de que democracia é moito máis que votar cada catro anos”, defendeu Igrexas, destacando a importancia dos orzamentos. “Son o instrumento fundamental da política municipal, xa que van definir que necesidades son prioritarias e facilitar o financiamento para poñer en marcha as medidas precisas para darlles resposta”, subliñou.
Fronte a esta falla de participación, dende a fronte nacionalista buscan con esta consulta pública recoller de maneira directa a opinión tanto dos colectivos como da veciñanza de Vigo. Para iso, o Bloque habilitou un caixón para enviar as propostas a través do seu sitio web vigo.bng.gal, e tamén mediante as redes sociais co cancelo #OrzamentosVigo2026.
Nesa mesma liña, a fronte nacionalista vai dirixirse a todos os colectivos, asociacións e entidades da cidade para as convidar a facer chegar as demandas, ideas ou propostas que consideren que deben ser incluídas nas contas do Concello de 2026. Igrexas trasladou o compromiso de atendelas de cara a poder incorporalas nas emendas que o BNG vai formular ao proxecto que elabore o Goberno municipal.
“Os cartos do Concello non son de Caballero, son das viguesas e vigueses”, afirmou o portavoz municipal do Bloque. “Fronte a un Goberno instalado no monólogo autoritario, queremos facer ouvir a voz dos movementos sociais e da cidadanía para decidirmos, xuntas e xuntos, que orzamentos municipais necesitamos”, remachou.
Alerta