30 septiembre, 2024
A fronte nacionalista lamenta que os votos socialistas tombaran no Pleno a súa moción con medidas para promover o diálogo social e a transparencia no Concello, como elaborar orzamentos participativos, crear Consellos Veciñais ou permitir a intervención de asociacións e colectivos nas sesións plenarias
Denuncia a “represión” do Goberno de Caballero contra os movementos sociais para silenciar as críticas: “Teiman en tachar de AntiVigo a calquera que pensa diferente”
Xabier P. Igrexas: “A voz das viguesas e vigueses ten que ser escoitada todos os días do ano e permitir a súa participación na toma de decisións dos principais asuntos da cidade”
O Bloque Nacionalista Galego acusa ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, de perpetuar a política de ‘aquí mando yo’ tras a súa negativa a promover maior participación cidadá e transparencia na xestión do Concello. A fronte nacionalista lamenta que os votos socialistas tombaran no Pleno, celebrado este luns, a súa moción con medidas como elaborar orzamentos participativos, crear Consellos Veciñais ou permitir a intervención de asociacións e colectivos nas sesións plenarias.
“O BNG defendemos a necesidade imperativa de poñer fin a esta situación de excepción antidemocrática que se padece na cidade, acabando coa política do ‘comigo ou contra min’ que impón Abel Caballero”, salientou na súa intervención o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, acusando ao Goberno municipal de practicar unha “abafante represión” contra os movementos sociais para silenciar as críticas mediante “diversas formas de violencia institucional e administrativa”.
Un exemplo claro, destacou Igrexas, viviuse durante a sesión plenaria deste luns coa expulsión de representantes veciñais que se opoñen á instalación dunha gasolineira no Pontillón, a escasos metros de vivendas. “En Vigo asistimos nos últimos anos a un grave retroceso no referido á participación cidadá, sendo patente a nula disposición ao diálogo por parte do actual Goberno municipal”, denunciou.
Na mesma liña, Igrexas afeou que se desprece tamén ao persoal de servizos de titularidade municipal que demandan mellores condicións laborais, como as traballadoras e traballadores de Vitrasa, da limpeza de colexios e dependencias municipais, de parques e xardíns e, incluso, dos bombeiros por denunciar a situación de inseguridade en Vigo.
Medidas para máis participación
Fronte a esta realidade, dende o BNG defenderon no Pleno municipal unha moción cunha batería de medidas para promover a participación cidadá. Entre elas, un novo Regulamento de Participación Cidadá con 7 eixos: permitir a elaboración participativa do orzamento municipal, revitalizar os consellos sectoriais municipais, estabelecer medidas de control popular da acción do Goberno e de dación de contas, mellorar os medios de acceso público á información, crear Consellos Veciñais, regular a concesión de subvencións municipais ao tecido asociativo e avanzar nunha maior descentralización administrativa do Concello alargando os servizos municipais aos barrios e parroquias.
“A voz das viguesas e vigueses ten que ser escoitada todos os días do ano e permitir a súa participación na toma de decisións dos principais asuntos da cidade”, subliñou Igrexas, quen demandou a reforma do Regulamento Orgánico do Pleno para facilitar a promoción de iniciativas populares e a intervención de asociacións e colectivos nas sesións plenarias así como o reforzamento da figura da Valedoría da Cidadanía.
O portavoz municipal do Bloque reivindicou a ese respecto a necesidade de retomar o camiño iniciado polo BNG en 1991 coa posta en marcha do Regulamento de Participación Cidadá e de políticas de promoción activa do asociacionismo. “Urxe reverter con máis diálogo e transparencia o crecente autoritarismo e a permanente xordeira do Goberno de Abel Caballero”, considerou Igrexas.
Alerta