5 julio, 2025
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) criticou hoxe a escasa presenza da música galega na programación dos concertos de verán en Vigo, tanto na organizada polo Concello en Castrelos como no denominado Galicia Fest, promovido pola Xunta de Galiza e a Deputación de Pontevedra.
Segundo denunciou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, só 2 das 25 actuacións confirmadas inclúen artistas ou grupos galegos. Unha situación que cualificou como “intolerábel” e “unha nova demostración do profundo desprezo” de PP e PSOE pola cultura e o idioma galegos. O BNG esixe a Abel Caballero, Luísa Sánchez e Ana Ortiz que se desculpen publicamente e rectifiquen esta exclusión, incorporando a música galega e en galego aos grandes eventos da cidade.
A programación dos concertos de verán en Vigo deixa en evidencia a marxinación da escena musical galega, malia estar a vivir un dos seus mellores momentos. “Apenas 2 actuacións dun total de 25, ese é o espazo para a música galega na programación de concertos de verán en Vigo”, lamentou Igrexas, quen acusou ao Concello, á Xunta e á Deputación de coincidiren na súa “galegofobia” ao excluír a artistas e grupos do País nos principais escenarios da maior cidade de Galiza. Para o BNG, este feito reflicte un “claro síntoma de autoodio” e un uso indebido de fondos públicos para prexudicar a cultura galega.
O portavoz municipal nacionalista fixo un chamamento urxente ás tres administracións para que modifiquen as súas programacións e garantan unha presenza significativa de artistas galegos, especialmente nun contexto no que a música en galego está a acadar un recoñecemento crecente.
O BNG propón unha serie de medidas concretas para reverter esta situación: a inclusión de artistas galegos nos grandes concertos de verán e o deseño de políticas culturais que prioricen a música en galego e o apoio ao grupos locais. “Desde o Bloque Nacionalista Galego temos que afirmar con absoluta rotundidade que é intolerábel que se utilice diñeiro público para excluír á música galega e en galego”, insistiu Igrexas, quen tamén chamou a reforzar o apoio institucional á escena musical local, que demostra un “talento de primeirísimo nivel”.
Sen “Rocking Vigo” un ano máis
Nese sentido, o BNG denunciou o incumprimento por parte do alcalde, Abel Caballero, da súa promesa de organizar o festival Rocking Vigo na Porta do Sol, un evento anunciado en 2023 para dar visibilidade ás bandas locais. “Dous anos despois, os grupos de Vigo continúan esperando”, reprochou Igrexas, destacando a falta de compromiso do Goberno municipal co talento musical da cidade. Esta demora engádese á escasa atención que o Concello presta á promoción da música galega, limitando as oportunidades para as artistas e grupos locais nunha cidade con gran potencial cultural.
“É indecente que o escenario de Castrelos só teña espazo para o alcalde-teloneiro e os seus ridículos mitins de autobombo, pero non para as músicas e músicos de aquí que teñen acreditado un talento de primeirísimo nivel”, criticou Igrexas.
Alerta