9 septiembre, 2021
A fronte nacionalista denuncia que o organismo consultivo fica paralizado desde outubro de 2019, despois do intento do Goberno local de excluír o BNG
Xabier P. Igrexas: “Oxalá o Goberno de Caballero dedicase un 1% da enerxía, compromiso e recursos que destina a promover o inglés en Vigo, a apostar pola plena normalización do galego na principal cidade de Galiza”
Critican o “continuado desprezo” contra a lingua propia e reclaman un maior compromiso do Concello a favor da normalización do galego na principal cidade de Galiza
O Concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, demandou explicacións na última Comisión Informativa de Lingua arredor da paralización do Consello Municipal da Lingua. Neste sentido, lembrou que a súa primeira sesión constitutiva, neste mandato, celebrouse o 28 de outubro de 2019, pero a súa composición fica pendente de ratificación plenaria, despois de que o Goberno retirase o punto na orde do día da sesión ordinaria de outubro de 2020.
“O Goberno local comprometeuse a impulsar unha modificación do regulamento do Consello, para garantir que as catro forzas políticas do Pleno poidamos participar, rectificando o intento deliberado de excluír o BNG, promovido nun inicio dentro da liña sectaria e antidemocrática despregada contra nós”, explicou, mais lamentando que “nada se sabe desa reforma”.
Igrexas subliñou a importancia do Consello Municipal de Lingua, como “principal espazo de participación e cooperación a nivel local a favor da normalización lingüística, para apostar decididamente por promover o uso do galego e garantir o dereito de todas as viguesas e vigueses a vivirmos plenamente na nosa lingua propia”.
“Oxalá o Goberno de Caballero dedicase un 1% da enerxía, compromiso e recursos que destina a promover o inglés en Vigo, a apostar pola plena normalización do galego na principal cidade de Galiza”, reclamou o portavoz municipal nacionalista.
Alerta