7 septiembre, 2021
Consideran “absolutamente razoábeis” as demandas da veciñanza de Coruxo que onte paralizou as obras de humanización da rúa José Rivas, ante a negativa do Goberno municipal de escoitar as súas propostas
A fronte nacionalista demanda que a veciñanza poida participar de maneira directa no deseño dos proxectos e na supervisións das obras, para garantir que se dá resposta ás necesidades reais dos barrios e parroquias da cidade
Xabier P. Igrexas: “Non se pode gobernar negándose a escoitar, desde o unilateralismo constante e con tics autoritarios. A cidade temos que facela entre todos e entre todas”
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu que “non é aceptábel nin en termos democráticos nin por pura eficiencia”, que o Goberno de Abel Caballero se negue a escoitar o tecido asociativo e a veciñanza, á hora de definir as actuacións nos diferentes barrios e parroquias da cidade. “Onte a veciñanza de Coruxo deixou claro que está farta de xordeira, de desatención e de que se ignore a súa opinión. É inexplicábel que ás reiteradas peticións de xuntanza cos responsábeis municipais, a resposta do Concello sexa o silencio”, reprochou.
Desde a fronte nacionalista defenden que son as veciñas e veciños quen mellor coñecen as necesidades reais, e por iso chaman a atender as súas propostas, ideas e suxestións, que só procuran mellorar as actuacións municipais. No caso concreto da humanización da rúa José Rivas, Igrexas valorizou os reclamos veciñais, de ampliación de beirarrúas e soterramento da recollida de pluviais para un tránsito máis seguro, como “absolutamente razoábeis”.
“Non se pode gobernar negándose a escoitar, desde o unilateralismo constante e con tics autoritarios. A cidade temos que facela entre todos e entre todas”, argumentou o portavoz municipal nacionalista, que demandou do executivo local que se poñan en marcha mecanismos que permitan a participación directa da veciñanza e do tecido asociativo tanto no deseño dos proxectos como na propia supervisión das obras.
Alerta