13 septiembre, 2021
A Fronte Nacionalista pide “compromisos reais” por parte da Xunta e Goberno Español en lugar de “anuncios ocos”.
Xabier P. Igrexas: “Sen fábrica de baterías na área de Vigo podemos ficar fóra de xogo na produción de vehículos non contaminantes”.
O Bloque Nacionalista Galego levará ao Pleno do Concello de Vigo deste mércores unha moción para reclamar medidas concretas en favor do futuro do sector da automoción de Vigo e de Galiza. A iniciativa demanda un apoio real de Xunta e Goberno Español para a instalación dunha fábrica de baterías eléctricas na área viguesa, así como a necesidade de constituír unha Mesa Galega da Automoción, despregar un Plan Galego específico para o sector ou implementar unha tarifa eléctrica industrial galega.
O Concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, remarcou a importancia “estratéxica e fundamental” do sector da automoción para Vigo, a súa área e o conxunto de Galiza, como “actividade tractora cun enorme impacto en termos de emprego, directo e indirecto, e economía”. O Edil, advertiu de que, no entanto, o sector enfronta importantes reptos derivados da crise da Covid 19, mais tamén do cambio de modelo produtivo e de vector enerxético. A estas cuestións vén de engadirse o impacto dos problemas de abastecemento de microchips e outros compoñentes que xa ten provocado sucesivas paralizacións da produción. Unha crise de insumos que segundo o propio Clúster de Empresas da Automoción de Galiza poderían prolongarse até o ano 2023, e que no caso da planta de Stellantis en Balaídos podería saldarse con 80 mil unidades fabricadas menos este ano.
Para enfrontar coa maior robustez estes reptos e “blindar o futuro” da automoción, a moción nacionalista esixe de Xunta e de Goberno Español que actúen coordinadamente, no exercicio das súas respeitivas competencias, para promover a instalación dunha fábrica de baterías eléctricas na área de Vigo e para atraer outras factorías de compoñentes que eviten a inestabilidade actual. Neste sentido, Igrexas lamentou que “o Goberno Español só expresou até o momento un compromiso claro para instalar fábricas de baterías en Barcelona ou Valencia”, mais que a pesar da “propaganda oca e dos anuncios, dos que ten participado o propio Alcalde de Vigo”, para a automoción Viguesa “nada de nada”.
Igrexas alerta da “ameaza real” da deslocalización produtiva. “O que están a advertir organizacións sindicais, como a CIG, é que sen fábrica de baterías e sen aproximar a fabricación de compoñentes á matriz, Vigo imos quedar fóra de xogo na produción de vehículos non contaminantes”, explicou, sinalando que outros países como Francia ou Alemaña xa están a despregar esforzos concretos para blindar o seu sector. En concreto, exemplificou o caso da empresa Borgwarner, cuxo centro de traballo en Vigo está con importantes dúbidas, sobre a súa continuidade ao tempo que a multinacional vén de anunciar a apertura dunha nova fábrica en Viana do Castelo.
A moción recolle tamén unha ampla relación de demandas dirixidas especificamente á Xunta de Galiza, como son a creación dunha Mesa Galega da Automoción, a posta en marcha dun Plan Galego para o sector, a implementación dunha tarifa eléctrica industrial galega que abarate os custes, ou medidas específicas para combater a crecente precariedade laboral e adecuar a formación profesional á nova realidade tecnolóxica.
“Trátase de reclamar compromisos reais e medidas concretas, fronte a propaganda, en favor dunha actividade irrenunciábel para a industria Viguesa”, resumiu Igrexas.
Alerta