O BNG demanda que o Goberno español actúe para recuperar e mellorar a praia da Punta en Teis

Compartir

O deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, realizou unha visita ao areal e vén de rexistrar unha iniciativa para instar o Ministerio para a Transición Ecolóxica que o acondicione.

Demandan que se resolva o afundimento da rampla de acceso, que se repare ou retire a torre de vixilancia e que se estuden opcións para evitar a perda de area.

Xabier P. Igrexas: “Urxe actuar para recuperar e poñer en valor esta praia para o desfrute da veciñanza de Teis e o conxunto das viguesas e vigueses”.

O Bloque Nacionalista Galego dará traslado das reivindicacións veciñais que urxen a recuperación e mellor acondicionamento da praia da Punta, no barrio vigués de Teis. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, realizou unha visita ao areal e vén de rexistrar unha iniciativa instando o Goberno español a actuar.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, anunciou esta mañá que a formación nacionalista levará até o Congreso o reclamo veciñal para acondicionar a praia da Punta en Teis. “Falamos dun importante areal urbano e un balcón privilexiado á ría de Vigo que padece as consecuencias de moitos anos de abandono por parte das diferentes administracións públicas”, denunciou.

O portavoz municipal nacionalista enumerou tres das principais cuestións a resolver, como son o afundimento da rampla de acceso á praia, o estado de abandono e inseguridade da antiga torre de vixilancia e a necesidade de despregar medidas para que a praia deixe de perder area.

A iniciativa promovida por Rego, en forma de pregunta e de proposición non de lei, demanda do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfica, a través da súa Dirección Xeral da Costa e o Mar, a que realicen á maior brevidade os traballos de recuperación e acondicionamento da praia da Punta e a sú contorna.

Visita de Rego

Néstor Rego realizou unha  visita á praia, acompañado polo portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, e na que tamén participaron a deputada no Parlamento galego, Carmela González, e o responsábel local da fronte nacionalista, Serafín Otero, que mantiveron un encontro cunha delegación da Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Teis.

Os dirixentes veciñais trasladaron a importancia da praia da Punta para o barrio de Teis, sendo de grande afluencia durante o período estival, pero limitada pola falla de mantemento e de actuacións para optimizar a súa contorna.  “É incomprensíbel que o abandono das administracións teñan este espazo privilexiado neste estado cando só é necesario un mínimo de vontade política para poñelo en valor”, lamentou Rego.

En relación á perda de area na praia, desde o BNG apostan porque se estuden opcións para permitir a recuperación do areal, como a eventual instalación dun espigón submarino,  subliñando que deben ser sustentábeis en termos ambientais e advertindo do fracaso de pasadas operacións de volcado de area.

“Urxe actuar para recuperar e poñer en valor esta praia para o desfrute da veciñanza de Teis e o conxunto das viguesas e vigueses”, reclama Pérez Igrexas, que afea tamén o “desleixo continuado” de Concello e Xunta no conxunto da ETEA e, singularmente, coa súa faixa litoral.