O BNG desprega unha bandeira xigante de Galiza na ETEA para abrir a V Semana da Patria Galega en Vigo

Compartir

Un acto político co portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, actividades culturais e accións de rúa, compoñen a programación desta nova edición da Semana da Patria coa que as nacionalistas quentan motores rumo ao 25 de xullo.

Xabier P. Igrexas: “A Galiza sen límites que queremos non cabe nas costuras do actual estado autonómico, e esixe avanzar en termos soberanía”.

VIGO, 17 de xullo de 2021.- O Bloque Nacionalista Galego despregou esta mañá unha bandeira xigante de Galiza na explanada da ETEA, en Teis, como acción simbólica coa que dar inicio aos actos da V Semana da Patria Galega organizada pola fronte nacionalista e por Galiza Nova.

No acto, o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou o “compromiso social, en favor das clases populares e traballadoiras, que está detrás da reivindicación de soberanía”. Igrexas apostou, tal e como recolle o lema escollido polo Bloque para a súa campaña polo 25 de xullo, nunha “Galiza sen límites”.

“Queremos desenvolver todas as capacidade e potencialidades do noso País, e iso pasa por unha  Galiza con plena capacidade de decisión. Esa Galiza sen límites non cabe nas costuras do actual estado autonómico, e esixe avanzar en termos soberanía para colocar a economía ao servizo das necesidades do pobo, para poñer freo a enxurrada migratoria que xa expulsou a máis de 200 mil mozas e mozos galegos nos últimos anos e para resolver a grave crise industrial que padecen comarcas como Vigo”, defendeu o portavoz municipal nacionalista.

Pola súa parte, o responsábel comarcal de Galiza Nova, Brais Ruanova, presentou a programación de actividades da  V Semana da Patria Galega en Vigo, centrada “en sentirmos orgullosos de sermos galegos e galegas”. Ruanova puxo en valor que a mocidade estea a ver con cada vez maior forza que “a referencia política e a referencia para a loita social no noso País está no BNG”.

Desde o  BNG e  Galiza Nova fan un chamamento a participar na manifestación nacional que como é tradicional realizarán o vindeiro 25 de xullo en Compostela.

V Semana da Patria Galega en Vigo

A programación de actividades desta nova edición da denominada Semana da Patria, coa que as nacionalistas quentan motores de cara ao vindeiro 25 de xullo, inclúe actos políticos, palestras culturais e accións de rúa.

Martes 20/07- 20:00h. Coloquio: A importancia de termos voz propia – Encontro con Néstor Rego

  • Salón Hotel Hesperia (Avda da Florida 60)
  • Modera:Xabier P. Igrexas, Portavoz Municipal do BNG en Vigo

Mércores 21/07 – 19:30h.

Mesa redonda: A Cultura Galega Hoxe

  • Espazo Cubo (Doutor Cadaval 17-Baixo)
  • Modera:Brais Ruanova, responsábel comarcal de Galiza Nova
  • Coa participación de:
    • Clara Bells. Directora de cine
    • Sergio Marey. Artista multidisciplinar

Xoves 22/07 – 20:00h.

Presentación do libro: “Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán”

  • Libraría Cartabón
  • Modera: Manuel Caride, Responsábel Comarcal do BNG
  • Coa participación de:
    • Henrique Alvarellos.Editor
    • Mª Pilar García Negro. Autora

A maiores, estableceranse os seguintes puntos de reparto de bandeiras da Patria para a súa popularización:

  • Martes 20 – 18:30h – Praza do Emigrante (inicio Avenida Castelao).
  • Venres 23 – 11:30h – Mercado do Calvario.