11 septiembre, 2024
Montse Prado asegura que cos 470 M€ de sobrecusto poderíanse financiar 50 TACs, 89 RM, 100 mamógrafos ou 250 médicos de familia durante 20 anos
A portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, reclamou ao Goberno do PP o rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo tras constatar o Consello de Contas que a súa concesión foi unha auténtica estafa que ten consecuencias directas para a sanidade pública galega e que confirma “o uso do orzamento público para enriquecer empresas mentres os problemas do sistema de saúde público aumentan día a día”.
“Mentres o PP lle regalaba millóns de euros a empresas privadas, á UTE encabezada por Acciona, practicaban recortes inmisericordes no sistema público, aplicaban recortes na atención primaria, paralizaban e conxelaban as melloras salariais e das súas condicións aos profesionais do Sergas, non estaban solicitando as prazas MIR suficientes”, sostivo a deputada nacionalista no transcurso dunha pregunta formulada no Pleno ao conselleiro de Sanidade.
Prado acusou aos populares de intentar confundir á sociedade ao negar o sobrecusto que supuxo o Cunqueiro, confirmado no informe do Consello de Contas, que cifra en 470 millóns de euros máis a diferenza entre o modelo escollido polo PP na súa concesión. “O dato mata o relato”, destacou, para deixar claro a continuación que, segundo os datos do órgano fiscalizador, o modelo escollido de colaboración público privada -coa adxudicación conxunta de obra e servizos- tivo un custo de 1.698.815.557 euros, fronte aos 1.226.346.135 que implicaría o contrato tradicional e servizos non sanitarios por separado. De aí, reiterou, os case 472,5 millóns de euros que os galegos e as galegas pagaron de máis pola concesión do Cunqueiro.
Uns cartos, agregou, que poderían ter servido para renovar o parque tecnolóxico, sufragando, exemplificou, “50 TAC, 89 RM (resonancias), 100 mamógrafos ou 250 médicos de familia durante 20 anos, ou persoal de 40 ambulancias medicalizadas durante 10 anos”.
Na súa intervención, a deputada nacionalista detallou outras das conclusións de Contas que demostran que a “estafa” que supuxo a licitación, construción e adxudicación de servizos non sanitarios do Cunqueiro, un “negocio moi lucrativo para a concesionaria e ruinoso para as arcas públicas” que será obxecto de investigación na comisión parlamentaria que se creará a iniciativa do BNG.
Segundo o Consello de Contas, subliñou Montse Prado, o Sergas licitou un orzamento máximo para a construción do hospital de 374.371.630 € e estableceu un canon a pagar en 20 anos de 659.561.032. “Polo tanto, un beneficio para a empresa de 285.100.997, nada máis e nada menos que o 76% . Só na construción”, agregou.
Ademais, o informe fiscalizador revela que hai un aumento continuado do canon, que se estableceu nun custe máximo de 56 millóns e no último ano fiscalizado xa ascendía a 71 millóns, sobrepasando os 80 M€ no último orzamento. Outra das cuestións que apunta Contas, segundo explicou Montse Prado, é houbo unha redución da superficie construída e de servizos sen que supuxera redución do prezo, tanto de construción como da prestación de servizos por menos superficie. “As modificacións non supuxeron ningunha variación do prezo do contrato nestes servizos”, precisou.
Frote as mentiras do PP, “que nega ata o informe oficial dun órgano estatutario”, subliñou así mesmo que “a actuación finalmente executada non se correspondeu co proxecto licitado”, que houbo unha redución na súa capacidade asistencial e, ademais, que foi a propia concesionaria quen elexiu a empresa para o supervisar o cumprimento de contrato co Sergas, “unha empresa creada ad hoc” e vinculada a unha persoa ligada directamente ao PP.
“Non hai ningún apartado do seu informe no que o Consello de Contas non poña algún tipo de consideración negativa”, afirmou a portavoz nacionalista de Sanidade que concluíu a súa intervención acusando ao PP de ter actuado para que a área de Vigo “dependa da sanidade privada”, que cada ano recibe máis de 200 millóns de euros que, sostivo, terían que ser destinados ao sistema público.
Alerta