8 noviembre, 2024
O Bloque Nacionalista Galego lamenta que Abel Caballero veña de impoñer o “axuste de contas partidista” en lugar de promover unha posición de cidade, desde a firmeza a unidade, para esixir que a Saída Sur sexa realidade no ano 2030.
“É momento de grandes acordos e de estarmos á altura do que esperan as viguesas e os vigueses”, defendeu na sesión plenaria o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, quen volveu tender a man ao alcalde para que rectificara a súa “moción partidista chea de falsidades e insidias”, e que non foi consensuada co resto de grupos políticos, en busca dun acordo unánime.
Con ese obxectivo, dende o Bloque formularon unha emenda para modificar o texto de Caballero e ditaminar un único acordo: “Instar ao Goberno español a priorizar e axilizar, como defende o goberno de Portugal, a posta en marcha da conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto, a Saída Sur, sen postergala en favor de ningunha outra conexión e incorporando nos orzamentos xerais do Estado do vindeiro ano e seguintes exercicios a dotación económica necesaria para efectivizala no horizonte do ano 2030”.
Unha posibilidade que o alcalde rexeitou, tal e como fixera coa moción de urxencia presentada polo Bloque ao Pleno ordinario de outubro ou coa solicitude de convocatoria do Consello Social da Cidade. “Vostedes non convocan esta sesión para debater, senón para confundir e distraer”, afeou Igrexas ao Goberno municipal, cualificando esta decisión de “fuxida para diante por cálculos partidistas” de Caballero. “Poderán obter unha vitoria pírrica máis, pero coa que a cidade non gaña nada”, asegurou o voceiro nacionalista.
Sobre o contido do Pleno, dende o Bloque cualificaron de “manobra de distracción” a inclusión no debate da conexión de Cerdedo. “Pedro Sánchez non dixo nin unha soa palabra na Cimeira Ibérica sobre Cerdedo, pero si manifestou de maneira ben clara que a prioridade do seu executivo é a conexión entre Lisboa e Madrid, postergando a Saída Sur até 2032, en contraste coa posición portuguesa”, lembrou Igrexas.
A este respecto, o portavoz municipal do BNG reiterou o carácter “estratéxico” da Saída Sur para Vigo e Galiza, reforzando o papel da área viguesa como motor da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal e situando a cidade como un nodo ferroviario de primeira magnitude. “A conexión de alta velocidade non pode acabar enlamada como un triste capítulo máis da lea partidista da que tanto gustan PSOE e PP”, advertiu.
“Se do que se trata é de defender con firmeza a Saída Sur non caben cambadelas partidistas nin trucos de relato”, reclamou Igrexas. Afeou nese sentido as “mocións de parte e os actos propagandísticos” como o anunciado por Alfonso Rueda, así como a “plenos pantasma” como o anunciado polo PP local pese a non ter o número de votos necesario para convocalo e os “concertos frívolos” que o alcalde ten previsto convocar.
Responsabilidade de PSOE e PP
Igrexas acusou aos sucesivos Gobernos españois de PSOE e PP de paralizar esta infraestrutura ferroviaria por falla de compromiso. Así, a Saída Sur está hoxe pendente dun novo estudo informativo, após caducar os anteriores, e a Comisión Europea retrasou a posta en marcha ao 2040 cos votos a favor dos socialistas.
“Resulta que o Goberno español volve priorizar Madrid, como tamén esixía a presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso, sobre a vertebración do Eixo Atlántico no que xoga un papel central a conexión da cidade de Vigo”, lamentou o portavoz nacionalista, considerando que esta decisión corresponde a “unha visión centralista que coloca Vigo e Galiza nun papel periférico e subordinado que a cidade non pode nin vai tolerar”.
Falsidades de Caballero sobre o BNG
Dende o BNG responderon tamén ás acusacións de Abel Caballero contra a alcaldía do BNG por non ter, presuntamente, defendido a conexión de alta velocidade. “Só pode responder á desconexión que nese momento tiña o propio Caballero sobre a realidade de Vigo, ocupado en xestionar as feridas de ter obtido o peor resultado do PSOE até o momento como candidato á presidencia da Xunta”, replicou Igrexas.
Fronte a esas “falsidades e insidias”, o portavoz do Bloque lembrou o acordo promovido no daquela denominado Consello Económico e Social do Concello de Vigo. “Foi ese consenso unánime liderado polo alcalde nacionalista Lois Pérez Castrillo o que logrou que esta demanda fose formalmente aceptada, pero postergada desde hai máis de 20 anos polos sucesivos gobernos españois de PSOE e de PP”, subliñou, enumerando varios titulares de prensa do ano 2002 que reflicten este compromiso histórico do BNG na defensa das conexións ferroviarias de Vigo.
Alerta