17 noviembre, 2021
Os votos do PSOE tomban todas as emendas parciais presentadas pola fronte nacionalista para mellorar as contas, malia ser a única forza da oposición que non pediu a devolución das contas.
Xabier P. Igrexas: “O BNG facemos achegas en positivo, con propostas construtivas, para enfrontar o escenario de gravísima crise social, laboral, produtiva e comercial e a resposta do Goberno municipal é un rotundo non”.
O Bloque Nacionalista Galego critica que o Goberno municipal volvera desoír as propostas “en positivo” realizadas polas nacionalistas para contribuír a mellorar os orzamentos de Vigo de 2022. A fronte presentou unha batería de 83 emendas parciais ao proxecto de contas que foron todas desbotadas polo grupo municipal socialista durante o Pleno extraordinario celebrado este mércores.
“O BNG gostaría de votar a favor como sempre fixemos cando os orzamentos respondían ás necesidades das viguesas e dos vigueses, mais infelizmente estes non son os presupostos que precisa a cidade”, defendeu o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que criticou que outra vez se teñan elaborado as contas da cidade “sen diálogo, nin participación, en réxime de monólogo” por parte do grupo municipal do PSOE.
O portavoz municipal das nacionalistas cualificou o proxecto de orzamentos como “máis do mesmo, pura inercia en forma de cemento e propaganda”. Unhas contas que, en opinión da organización frontista, demostran que o Goberno de Abel Caballero “non ten proxecto nin ideas” para a cidade. Porén, Igrexas subliñou que “desde o BNG non xogamos a canto peor mellor, por iso somos a única forza da oposición que non trae unha emenda á totalidade que impediría que a cidade dispuxese de orzamentos desde o 1 de xaneiro”.
A fronte nacionalista, en troca, formulou unha batería de 83 emendas parciais por valor de máis de 12,2 millóns de euros centradas en materia de emprego, política social, servizos públicos, feminismo e ecoloxía. “Achegas en positivo para enfrontar o escenario de gravísima crise social, laboral, produtiva e comercial e orientar os orzamentos a atender as necesidades reais dos barrios e das parroquias de Vigo”, destacou Igrexas, que considerou que atendendo a este contexto de crise sería irresponsábel bloquear cunha devolución a posta en marcha dos orzamentos para o próximo exercicio.
83 prospostas para mellorar os orzamentos
Entre as medidas propostas en materia de emprego, o concelleiro do BNG demandou, entre outros, aumentar o Plan de Emprego Municipal até os tres millóns de euros para facer fronte o elevado desemprego na cidade, con 24 mil persoas sen traballo. Igrexas recordou que esta é a principal preocupación das viguesas e vigueses porque “non se come de luces led”.
O portavoz da fronte nacionalista reclamou tamén incrementar 1,5 millóns de euros as partidas para política social diante da “grave situación de empobrecemento en Vigo” con máis de 60 mil persoas en risco de exclusión e pobreza. “Menos do que se vai gastar este ano no nadal de Caballero”, criticou.
Igrexas propuxo ampliar a rede de escolas infantís e bibliotecas para reforzar os servizos públicos da cidade. Así, pediu crear tres centros infantís municipais en Balaídos, Calvario e Teis, ademais de consumar a proxectada na Praza da Industria, aínda sen licitar. No caso das bibliotecas, solicitou a apertura de novas dotacións en Valadares, Coia, Navia e Lavadores, para alén da comprometida polo Goberno municipal no barrio de Teis.
“A poucos días do 25 de novembro, día contra a violencia machista, o BNG reclamamos coas nosas emendas unha política radical e efectivamente feminista”, dixo o portavoz municipal do BNG, que chamou a apostar por “un feminismo de feitos e non só de discursos”. Entre as emendas rexeitadas estaban a creación dun Plan Municipal de Apoio aos Coidados, un centro de información ás mulleres en Coia, un novo programa de apoio as mulleres vítimas de violencia machista e un aumento das partidas para campañas de concienciación. “Non podemos seguir gastando menos en campañas contra as violencias machistas que en atencións protolocarias”, reprochou.
Ademais, Igrexas demandou políticas de sustentabilidade ecolóxica porque, segundo expresou na sesión plenaria, o futuro da cidade debe pensarse en verde. As propostas do BNG pedían recursos, entre outras cuestións, para valorizar o río Lagares, para prevención dos incendios forestais e a protección dos montes, para evitar as elevadas perdas de auga por fugas na rede de subministro ou un cambio de modelo para VigoZoo.
Alerta