O BNG pide a Abel Caballero que esixa ao Goberno Español unha rectificación

Compartir
Xabier P. Igrexas. Fonte: BNG Vigo

A fronte nacionalista traslada unha carta ao alcalde de Vigo para instarlle a que “descolgue o teléfono e exerza a influencia da que presume en relación a Pedro Sánchez”.

Xabier P. Igrexas: “O que lle dicimos a Caballero é que en lugar ter a palabra Vigo na boca, transmita con firmeza ao seu goberno que atenda as emendas parciais formuladas polo BNG aos Orzamentos Xerais do Estado de 2022 para a cidade”.

 

O Bloque Nacionalista Galego vén de remitir unha carta ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, para que exerza como interlocutor ante o Goberno español co fin de esixir unha rectificación á negativa de incrementar en 50 millóns de euros os investimentos para Vigo, tal como demandaba a fronte nacionalista nas emendas parciais formuladas aos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) de 2022.

“Os votos do PSOE e Unidas Podemos veñen de dicir que non a todas e cada unha destas emendas que pretendían dar mellor e maior resposta ás necesidades reais de Vigo, co obxectivo de enfrontar os graves efectos sociais, laborais e produtivos derivados da crise da Covid-19 e atender déficits históricos coa nosa cidade”, manifestou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

O concelleiro nacionalista explicou que, diante deste bloqueo, dirixiu unha carta ao alcalde da cidade “para que exerza a influencia directa da que presume” en relación ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o seu gabinete ministerial. Por este motivo, instou a Caballero a “descolgar dunha vez o teléfono para esixir unha rectificación en defensa dos intereses de Vigo” que, apuntou, non poden estar “subordinados a cuestións partidistas”.

Igrexas pediu ao rexedor que “en lugar de ter a palabra Vigo na boca, transmita con firmeza ao seu goberno no Estado que atenda as emendas do BNG para incorporar como mínimo eses 50 millóns de euros que demandamos para a principal cidade de Galiza”.Investimentos para atender as necesidades reais de Vigo.

A batería de emendas formuladas polo BNG ao proxecto de OXE para 2022, da man do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, tiñan como obxectivo atender o que a fronte nacionalista considera as necesidades e urxencias reais de Vigo, ademais de recoller demandas históricas da cidade.

O portavoz municipal das nacionalistas asegurou que Vigo “non pode transixir con que se diga que non a aumentar a partida económica para garantir a saída sur da alta velocidade”. Lembrou que esta infraestrutura é unha “conexión estratéxica que non pode seguir nun caixón” e apuntou á necesidade dun tren de cercanías para conectar a cidade coa súa realidade metropolitana.

Así mesmo, Igrexas solicitou que “as promesas en relación á AP-9 ser tornen en realidades”, en relación á demanda de pantallas acústicas no trazado da autoestrada en Vigo. “Non serven as escusas nin as declaracións, non abonda con que o Secretario de Estado de Transportes traslade ao alcalde nunha conversa telefónica que vai instalar barreiras acústicas”. Sobre a AP-9, sinalou outras das emendas do BNG como a conversión en vía urbana desde as torres de Padín ou o arranxo dos pasos elevados en Teis.

O concelleiro da fronte nacionalista en Vigo pediu ademais que o Goberno español enfronte a grave crise industrial que atravesan actividades clave para a comarca como o sector naval e o da automoción. “É indispensábel que o plan de reactivación industrial e produtiva que o BNG propoñemos nas emendas se traduza nun compromiso orzamentario”, reclamou.

Sobre a Biblioteca do Estado “mil veces prometida”, Igrexas cualificou de “ridícula” a partida de 50.000 euros que incorpora o proxecto de OXE para 2022. Desde o BNG chamaron a incrementar este investimento até os 1,5 millóns de euros para facer realidade esta demanda incumprida. Entre outros, apuntaron tamén que é preciso reforzar o aeroporto de Peinador despregando un plan específico de apoio e de promoción da terminal, coa apertura 24h da terminal, mellorando os accesos e a potencialidade do tránsito de mercadorías.