O BNG pon en valor o seu fortalecemento na comarca de Vigo cara a nova etapa que abre a XVII Asemblea Nacional

Compartir
De esquerda a dereita: Manuela Rodríguez, Xavier Rodríguez, Iria Custodio, Xabier P. Igrexas, Manuel Caride, Belén García, Jessica García e Serafín Otero. Fonte: BNG

O responsábel da fronte nacionalista na comarca, Manuel Caride, salienta o incremento dun 30% na afiliación desde a última asemblea celebrada en 2017.

Chama a una ampla participación da militancia na Asemblea Comarcal preparatoria da cita nacional, que terá lugar o 7 de novembro baixo o lema “Gañar unha nova Galiza”.

 

O Bloque Nacionalista Galego na comarca de Vigo destacou este mércores o apoio crecente que fortalece a organización política de cara a nova etapa que abre a XVII Asemblea Nacional, unha cita coa que buscan ampliar a base social do nacionalismo e reforzar o traballo feito nos últimos anos coa aspiración dun cambio político para liderar o país.

O responsábel do BNG na comarca de Vigo, Manuel Caride, salientou en rolda de prensa que “os excelentes resultados foron acadados grazas ao traballo militante, á nosa cohesión interna e a ter un liderado claro na figura de Ana Pontón”. Nese sentido, resaltou que este maior apoio traduciuse nun incremento da afiliación, que no caso da comarca de Vigo creceu un 30% desde a celebración da última cita nacional en 2017.

Acompañado dunha representación institucional e orgánica da fronte nacionalista da comarca, Caride recordou que a Asemblea Nacional do BNG é un proceso “radicalmente democrático e participativo, sen comparación con ningún outro de ningunha forza política”, onde é a militancia a que marca a liña política e a dirección da organización para os seguintes anos.

Por iso, o responsábel do BNG chamou a unha ampla participación da militancia na Asemblea Comarcal que terá lugar o próximo xoves ás 20h no Hotel Coia. Unha cita onde debaterán os textos e emendas que desde as distintas localidades da comarca de Vigo queren trasladar o encontro nacional, que terá lugar o 7 de novembro baixo o lema “Gañar unha nova Galiza”, así como para “a formulación de propostas de compañeiras e compañeiros de cara a conformación do novo Consello Nacional”.

A nova etapa que abre esta XVII Asemblea Nacional estará marcada por dúas citas de suma importancia para a fronte nacionalista. “As eleccións municipais de 2023 serán unha oportunidade para aumentar ostensíbelmente a representación do BNG nos nosos concellos, servindo de base para a alternativa política coa que sairemos a gañar a presidencia da Xunta en 2024”, sinalou o responsábel do Bloque na comarca de Vigo.

Nesa liña, apuntou que a organización iniciará o proceso para renovar as estruturas e organismos a nivel comarcal e local, unha vez finalizado o encontro nacional.