1 octubre, 2024
A fronte nacionalista urxe o Goberno municipal a actuar dunha vez diante do aumento dun 30% nos prezos alugueiros no último lustro, cun custo medio por riba dos 634 euros
Xabier P. Igrexas: “É unha demostración máis da falla de vontade e da impotencia de Abel Caballero á hora de despregar políticas fronte ao gravísimo problema da vivenda”
O Bloque Nacionalista Galego reclama a cesión das 318 vivendas baleiras rexistradas en Vigo en mans de entidades financeiras, filiais inmobiliarias, fondos de investimento e da Sareb, titular do 55%. A fronte nacionalista chama ao Goberno municipal a actuar dunha vez para incorporar estas vivendas a un parque público en alugueiro social diante do aumento disparado dos prezos.
Sobre esta cuestión interpelou este martes o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, á concelleira de Urbanismo. “A telegráfica resposta ofrecida pola concelleira María José Caride limitouse a sinalar a existencia de contactos coa Sareb, pero que os prezos de adquisición desas vivendas e o estado dalgunhas delas fixeron imposíbel adquirilas para o Concello”, lamentou.
Igrexas considerou esta resposta “unha demostración máis da falla de vontade e da impotencia do Goberno municipal á hora de despregar unha verdadeira política municipal que enfronte o gravísimo problema da vivenda na nosa cidade”. Nese sentido, reprochou que o Concello non valore solicitar a cesión desas vivendas, unha medida legal que están a aplicar outros concellos do Estado como Barcelona, que o pasado decembro asinou un convenio coa Sareb para a cesión de 200 inmóbeis.
“É inaceptábel que sigamos tolerando que unha sociedade como a Sareb, resultado do millonario rescate da banca privada e que está participada maioritariamente polo Goberno español, actúe como un fondo voitre en lugar de poñer as vivendas a disposición de uso social”, cuestionou o voceiro municipal nacionalista, lembrando que esta medida foi un dos compromisos adquiridos en marzo deste ano coa aprobación dunha moción do BNG.
Aumento dun 30% nos alugueiros en 5 anos
Dende a fronte nacionalista insistiron na urxencia de actuar dende o Concello para ofrecer alternativas aos prezos “imposíbeis” dos alugueiros na cidade. Así, segundo datos oficiais da Xunta de Galiza, o prezo medio supera xa os 634 euros mensuais cun aumento de case un 30% no últimos lustro. Na actualidade, até un 25% das vivendas na cidade superan os 1.000 euros segundo cifras da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias.
A iso súmase a falla de oferta de vivenda dispoñíbel, advertiu Igrexas, polo “auxe do fenómeno ultraespeculativo dos pisos turísticos”, case 2.000 na cidade. “A día de hoxe é practicamente imposíbel optar a unha habitación nun piso compartido por menos de 400 euros e micropisos de menos de 30 metros cadrados xa superan os 500 euros”, lamentou.
“É hora de actuar poñendo en marcha políticas que atendas as necesidades reais das viguesas e dos vigueses, garantindo o primeiro dereito da cidadanía que é o de poder habitaren a súa propia cidade”, reclamou o portavoz municipal do BNG.
Alerta