7 noviembre, 2024
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, salientou este mércores o “rotundo éxito” do Bono Activa Comercio 2024 que está xa a piques de esgotarse tan só tres días despois de poñerse en marcha esta segunda campaña da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dotada cun total de 2,5 millóns de euros.
“Fomentamos o comercio local, o máis cercano a todos nós, e colaboramos coa cidadanía no consumo minorista, estamos de novo ante unha iniciativa que obtivo un respaldo importantísimo por parte do sector”, sinalou Ortiz. A representante autonómica visitou na rúa Urzaiz e na rúa Doutor Carracido tres dos 583 establecementos da cidade que se adheriron ao programa, a localidade galega con máis comercios integrados na campaña (6.922 en toda Galicia).
O número de bonos descargados en toda Galicia xa é de 251.613, cun importe de 2.371.520 euros e un capital mobilizado de 10.540.803,16 euros. Ana Ortiz sinalou que no caso de Vigo o importe dos bonos trocados xa é de 243.830 euros e o capital mobilizado chega polo de agora ata 1.043.213,36 euros.
A delegada tambén lembrou que con esta nova edición serán 5 millóns de euros os destinados en 2024 a esta iniciativa, xa que houbo unha convocatoria anterior no mes de abril que tamén contou cun orzamento de 2,5 millóns de euros. Con esta nova edición, o Goberno galego prevé mobilizar arredor 12 millóns de euros en vendas nos establecementos comerciais de proximidade de Galicia.
Os bonos teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, é de 5 euros para compras de entre 20 e 30 €; 10 euros de rebaixa para compras de entre 30 e 50 €; e 15 euros no caso de superar os 50 € de compra.
Como en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios que poden descargar os bonos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar. Polo tanto, o prazo máximo para gastar o bonos será ata o esgotamento do crédito.
As edicións anteriores desta iniciativa, iniciada no 2021, contribuíron á reactivación das vendas no comercio local e a incentivar a demanda das persoas consumidoras, mobilizándose no sector comercial retallista máis de 77 millóns de euros. A última edición, convocada en abril deste ano, saldouse con máis de 6.800 comercios adheridos en toda Galicia, preto de 300.000 bonos descargados e arredor de 12 millóns de euros mobilizados en compras, dos cales a Xunta puxo á disposición un crédito de 2,5 millóns de euros en descontos de ata 30 euros por persoa.
O bono Activa Comercio é unha das medidas para revitalizar o comercio de proximidade e súmase a outras actuacións destinadas, por exemplo, a potenciar as prazas de abastos, co obxectivo de incrementar a competitividade deste sector e incentivar o consumo, así como a xeración de puntos de atracción comercial nas cidades e vilas galegas.
Outra iniciativa son os Premios do Comercio Galego 2024, para recoñecer o labor dos profesionais do sector comercial e contribuír á súa difusión como panca para o desenvolvemento económico e social das vilas e cidades galegas.
A maiores, o Goberno galego está a traballar na elaboración do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que se prevé ter listo no primeiro trimestre do ano que vén e que ten como obxectivo potenciar o comercio local e impulsar a súa competitividade. Neste sentido, estanse a facer encontros participativos con comerciantes e representantes de asociacións das catro provincias galegas.
Alerta