Marcha Nórdica. Fonte: Concello
9 noviembre, 2021
Á espera de aprobación definitiva da Asamblea Xeral da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada (Fedme), a área de Marcha Nórdica da antedita Federación vén de dar a coñecer o calendario de competicións da tempada 2022, que dará comezo o vindeiro 6 de marzo e rematará o 12 de novembro e que contará con oito probas distribuídas entre Copa de España, Campionatos de España e proba de ránking. Entre as tres sedes para os Campionatos de España de Marcha Nórdica, o novo calendario da Fedme inclúe o nome da nosa cidade, que acollería o 25 de setembro a I Proba Pontevedra MN, coa que se decidiría o Campionato de España de Seleccións Autonómicas.
A boa nova foi recibida “con moito entusiasmo” por parte do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen subliñou “a consolidación a pasos de xigante de Pontevedra como capital de grandes eventos deportivos de carácter nacional e internacional, dunha variedade de deportes e disciplinas que non ten parangón noutras partes do mundo”. “A Concellería de Deportes está a apostar precisamente pola marcha nórdica dentro do exitoso programa A Vida é Movernos. A xente que proba este deporte queda enganchada a el unha vez que coñece a súa técnica e beneficios para a saúde”, sinalou o edil socialista.
En base ao calendario pendente de aprobación pola Asamblea da Fedme, a tempada de 2022 arrincará o 6 de marzo coa I Marcha Nórdica León, que será a elixida para o inicio da Copa de España, unha copa que contará con catro probas a desputarse entre os meses de marzo e novembro. A segunda cita desta competición chegará o 4 de setembro coa Marcha Nórdica Azagra, mentres que o 8 de outubro desenvolverase a Marcha Nórdica Bogarra e a última proba terá lugar en Ceuta, coa III Anyera Nordic Walking Cámara de Comercio de Ceuta.
No que atinxe as sedes para os Campionatos de España, a II Marcha Nórdica Vitoria acollerá o 29 de maio o Campionato de España de Clubs, mentres que a II Proba Marcha Nórdica Tavernes establecerá o 18 de xuño o Campionato de España individual e a I Proba Pontevedra MN decidirá o 25 de setembro o Campionato de España de Seleccións Autonómicas.
A proba sevillana V MN Ciudad de Sevilla puntuará como proba de ránking da tempada o 2 de outubro.
Pode revisarse o calendario completo de 2022 no seguinte enlace: https://canalfedme.es/calendario-de-competiciones-marcha-nordica-2022/
Alerta