4 noviembre, 2024
Preto dun centenar de investigadoras e investigadores de 17 universidades participan desde este luns, tanto de xeito presencial como virtual, no I Congreso Internacional de Creatividade, promovido polo Campus Crea no marco dos traballos para acadar a súa acreditación como campus de especialización. Promovido co patrocinio da Deputación de Pontevedra, no marco deste evento presentaranse 55 comunicacións que, desde unha perspectiva transdisciplinar, conectan a creatividade coa arte, o deseño, a comunicación e a educación, as catro áreas do Campus Crea. Complementado por unha serie de conferencias de académicos e profesionais, o congreso busca afondar “no poder transformador que ten a creatividade”, como sinalou Juan Manuel Corbacho, cordirector deste foro xunto ao tamén profesor da Facultade de Comunicación Jesús Pérez Seoane.
“Este primeiro congreso é un pulo para o proxecto de especialización dun campus con titulacións moi singulares”, sinalou a vicerreitora Eva María Lantarón, na inauguración deste foro, que se viu precedida por un minuto de silencio en memoria das vítimas da DINA no Levante. Lantarón recalcou tamén que o evento que este luns e martes se desenvolve tanto na Vicerreitoría do campus de Pontevedra como nas facultades de Deseño e Comunicación nace con vocación de continuidade, tras sinalar o “éxito” que supón contar nesta primeira edición “con máis de cen inscritos e inscritas e máis de 50 comunicacións”, presentadas por investigadores de 17 universidades de España e Portugal.
“Temos o privilexio de contar cun ecosistema educativo e investigador único en Galicia e atreveríame a dicir que no noroeste español, no que non só aglutinamos títulos directamente relacionados coa creatividade, senón que xa se están dando os primeiros froitos da colaboración interdisciplinar entre as areas de educación, arte, deseño e comunicación”, engadiu Corbacho. Nese senso, o codirector do congreso puxo de relevo como o carácter “transdisciplinar” da creatividade vese reflectido nos estudos que se presentarán nestas dúas xornadas e que darán lugar tamén á publicación de tres libros na editorial Fragua.
Como explicou Corbacho, no programa do congreso combínanse as mesas de comunicacións coas conferencias de académicos e profesionais “do máximo nivel”, centradas nas catro áreas do Campus Crea. Nese senso, creatividade e educación centraron a conferencia inaugural, a cargo do profesor da Universidad de Murcia, Francisco Javier Corbalán, un psicólogo que é ademais “o único español” que ten deseñado e publicado un test para medir a creatividade, como lembrou a catedrática Margarita Pino na súa presentación. Desde o marco da psicoloxía, Corbalán buscou presentar un “marco xeral” do que supón a creatividade, que permita “sustentar todos os ámbitos de aplicación, que son infinitos” dun “fenómeno multidisciplinar” que, recoñeceu, “segue tendo algo de fronteira”. A partir de aí, Corbalán puxo o foco na súa aplicación nun ámbito “que é quizais o máis importante ou o máis impactante”, a educación, pondo o foco tanto na “pedagoxía da creatividade como na creatividade da pedagoxía”.
O congreso continuou coa presentación, en catro mesas paralelas, das 27 comunicacións do bloque de educación, o apartado que recibiu maior número de propostas. Pola tarde, a actividade trasládase tamén ao Edificio Administrativo da Xunta en Benito Corbal, sede da Facultade de Deseño, onde se presentan os sete estudos seleccionados para a mesa Creatividade e innovación en deseño e moda, pechándose esta primeira xornada co concerto, no Teatro Principal, da big band do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso, no marco do ciclo Músicas para reCREAr. Nesta xornada estaba tamén prevista unha conferencia do deseñador Javier Jaén, que tivo que suspenderse tras a anulación do seu voo por mor das condicións meteorolóxicas en Barcelona.
A xornada do martes abrirase coa mesa Novas perspectivas en creatividade e arte, na que se presentarán nove comunicacións, complementadas pola conferencia do catedrático da Universidad de Granada Ricardo Marín. Acto seguido, a Casa das Campás acollerá as dúas mesas sobre creatividade e comunicación, nas que se presentan doce estudos.
Pola tarde, o congreso trasladarase á Facultade de Comunicación, coa proxección do documental Amagi, el retrono de la creatividad, do egresado Adán Argibay; a mesa Creatividade transformadora, que reunirá tres pubilcistas formadas neste centro, Iria Otero, Andrea Gonçalves e Laura Pintos, e coa entrega de premios ás mellores comunicacións. Finalmente, a conferencia de clausura correrá a cargo das fundadoras da axencia This is libre, Mónica Moro e Raquel Martínez, que acadaron máis de mil premios en concursos de publicidade ao longo da súa traxectoria profesional.
Alerta