3 diciembre, 2021
O alumeado amplíase ás dúas torres e á muralla, con tres quilómetros de cable led que enchen de luz sostible o mercadiño, que se inaugurou onte con máis de 25 empresas.
Carmela Silva agradeceu a excepcional acollida á programación, coas prazas para as visitas teatralizadas esgotadas nun só día e a piques de colgar o cartel de completo para obradoiros e contacontos.
Desde esta tarde, o Castelo de Soutomaior reloce se cabe aínda máis coa espectacular iluminación de Nadal que estrea a fortaleza con 35.000 lámpadas sostibles e tres quilómetros de cable led que van ambientar á ampla programación deseñada pola Deputación para desfrutar en familia estas datas. A Presidenta Carmela Silva, xunto ao alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, deputadas e deputados provinciais, e o numeroso público que se deu cita no Castelo pronunciaron a conta atrás para o acendido do alumeado, ao que seguiu a inauguración do mercadiño con produtos de proximidade, e o inicio das actividades que se prolongarán ata xaneiro e que están a amosar xa unha excepcional acollida.
Unha zancuda e un zancudo deron á benvida aos asistentes ao acto de acendido cunha primeira parada no iluminado muíño das Afreitas, que xa está de novo en funcionamento trala recente recuperación realizada pola institución provincial, que incluíu a restauración da maquinaria para que as crianzas poidan ver a última moenda para facer os doces típicos de Nadal. Amais, o xardín está salpicado de personaxes de Nadal iluminados, tamén o está o bambán e no Patio de Armas está depositada de novo a Caixa de Correos de Soños, na que tanto crianzas como maiores poderán deixar os seus desexos para estas datas.
A presidenta provincial quixo aproveitar o momento para desexar un bo Nadal á provincia e invitou á cidadanía e ás persoas visitantes a coñecer o Castelo nestas festas e desfrutar de toda a actividade programada. Carmela Silva inaugurou de seguido unha das propostas estrela, o mercadiño de Nadal instalado no Xardín Inglés con produtos Km0 ofrecidos por 25 produtoras e produtores da provincia. “Animamos a toda a cidadanía a achegarse a estes postos para poder adquirir produtos sostibles e de proximidade, ideais para os agasallos de Nadal”. Deste xeito no MercaNadal as persoas visitantes poderán encontrar produtos como queixos, ovos, mel, licores, marmeladas, melindres ou bicas, afumados, conservas, chocolates, conservas de lamprea, de mirabeles ou grelos, así como produtos relacionados coa camelia a través da artesanía, cosméticos ou venda de árbores, e tamén viños de Soutomaior e espumosos.
O mercado permanecerá aberto ata o vindeiro 8 de decembro, en horario hoxe e mañá venres 3 de 16 a 20 horas, e o resto das xornadas de 11 a 14 e de 16 a 20 horas. Participan nos postos empresas da cooperativa galega Camino Circular, (Maruxío, Pelegrina’s, Ovos De Volteiro, Leite Ulla, (Queixos), Apícola Cañedo. Rebulidiro Granxa Eco, Rosa De Cabañas, Casal de Creación, Dona Formiguiña, Licores Pousa, Sidra Camino e Embutidos Lalinense), firmas relacionadas co mar, (Conservas O Submarino, Afumados e Salazóns Arenquín, Cerámica Atlántica de Pilar Piñeiro e Saias Ledas, de artesanía), empresas da zona do Miño, (Chocomiño e Alén do Val. Mirabeles do Rosal), vinculadas á camelia, (Obradoiro Hedra, Acemelia e a pintora Estrella Rey), e de Km0, (Adega Quinta das Eiras, Colleiteiros Reunidos de Soutomaior, Adega San Salvador e Arte Nostra Artesáns).
Visitas, contacontos e obradoiros
As nove sesións de visitas teatralizadas a cargo da agrupación Troula programadas para esta Nadal esgotáronse nun só día, mentres que as 240 para os contacontos e obradoiros infantís, (para crianzas de 4 a 9 anos), tamén están a piques de colgar o cartel de completo. Deste xeito, tan só quedan entradas á venda (na web do Castelo) para os obradoiros dos días 12 de decembro e 2 de xaneiro e para os contacontos programados os días 11 e 26 de decembro.
En concreto, o día 12 celebrarase un obradoiro de tintas para elaborar felicitacións mentres que o 2 de xaneiro desfrutarán dunha ruta de sendeirismo polos xardíns do Castelo. No caso dos contacontos, o do día 11 será sobre as tradicións de Nadal, mentres que o do día 26 descubrirá ás crianzas participantes os recunchos do Castelo.
Alerta