12 marzo, 2025
O Torneo realizarase o luns día 14 e o martes día 15 de abril no pavillón Municipal de Panxón e nel colaboran a Federación Galega de Baloncesto, o Concello de Nigrán e a Fundación Social La CAIXA.
O CB Nigrán leva xa nove anos organizando o seu BASKET SEN BARREIRAS, pero este non vai ser un Torneo máis. Trátase dunha edición moi especial pois o obxectivo deste Torneo é recadar fondos para salvarlle a vida ao pequeno Mauro, un neno de dous anos e medio, veciño de Nigrán, ao que acaban de diagnosticar a enfermidade de Alexander, unha enfermidade ultrarara e neurodegenerativa que provoca a destrución progresiva da materia branca do cerebro que protexe as fibras nerviosas. Na actualidade non existe ningún fármaco que retarde ou cure esta enfermidade. En España hai só cinco casos, e un deles é Mauro.
Debido aos poucos casos existentes no mundo, hai moi pouco traballo de investigación levado a cabo, por iso o obxectivo do Torneo é alcanzar fondos que poidan ser destinados á investigación da enfermidade a través da Asociaciación creada polos pais de Mauro para tal fin.
Ao acto de presentación realizado no pavillón Municipal de Panxón acudiron o presidente da Federación Galega de Baloncesto Julio Bernárdez, a Vicepresidenta, Susana García, o alcalde de Nigrán Juan González e os pais de Mauro, Iría e Jairo, xunto ao seu outro fillo Lois, xemelgo de Mauro.
O Torneo realizarase o luns día 14 e o martes día 15 de abril no pavillón Municipal de Panxón e nel colaboran a Federación Galega de Baloncesto, o Concello de Nigrán e a Fundación Social A
CAIXA.
Cada xogador participante no Torneo realizará un donativo a modo de inscrición que será depositado na urna que se atopará no pavillón durante os dous días de torneo. Todas as familias de xogadores/as, así como o resto de persoas asistentes poderán colaborar tamén con este fin solidario achegando o seu donativo na devandita urna.
Durante a semana previa á realización do Torneo, esta urna solidaria percorrerá os centros educativos de Nigrán para que, todas aquelas familias e docentes que queiran colaborar, poidan facelo.
Ao longo dos dous días de Torneo realizaranse diferentes sorteos entre os asistentes. Todo o recadado coa venda das rifas para participar nestes sorteos así como o recadado na urna solidaria será entregado, unha vez finalizado o Torneo, á ASOCIACIÓN ESPAÑOLA DE ENFERMOS DE ALEXANDER.
O torneo desenvolverase os dous días en horario de mañá e tarde, habilitando 3 pistas no pavillón nas que xogarán equipos dos diferentes clubs participantes.
Todos os encontros contarán con árbitros do Comité da Federación Galega de Baloncesto que, como xa vén sendo habitual en edicións anteriores, colaboran de forma desinteresada no torneo.
Alerta