15 noviembre, 2021
O certame celebrarase no Conservatorio Superior de Música entre o 3 e o 6 de decembro, unha décima edición con récord de participantes que retoma a presencialidade, logo dun 2020 telemático obrigado pola pandemia.
O edil de Cultura, Abel Losada, louvou a “proxección indubidable” do evento, e a aposta do Concello pola recuperación do “pulso cultural da cidade”.
O concelleiro de Cultura, Abel Losada, e a presidenta da Asociación Galega de Instrumentos de Corda, Elisabeth Taylor, presentaron este luns na Casa Consistorial o 10º Concurso de Corda “Cidade de Vigo”, unha edición que recupera a presencialidade no seu aniversario e bate o seu récord de participación.
Segundo subliñou Taylor, setenta e seis estudantes de corda competirán este ano en Vigo, dezaseis destes procedentes de distintas localidades portuguesas. Entre os españois, o alumnado concursante representa a vinte catro provinciais diferentes. As actuacións serán de acceso gratuíto e a organización animou á cidadanía viguesa a “escoitar aos talentosos nenos e adolescentes”, en verbas da presidenta de AGIC, que competirán no Conservatorio Superior de Música de Vigo.
O concelleiro de Cultura amosou a “satisfacción” do Concello por apoiar un certame “cunha proxección indubidable” e co “mérito” de retornar aos concertos presenciais despois dun 2020 de edición telemática por mor do Covid. Losada salientou que “a cultura é segura, cumpre coas normativas de saúde pública que a Xunta de Galicia e o Goberno de España van promulgando progresivamente”, reiterou a “aposta” do goberno de Vigo por un sector “que sufriu moito na pandemia” e avogou pola recuperación do “pulso cultural da cidade”.
Como colofón ao 10º Concurso de Corda “Cidade de Vigo”, a organización prepara un concerto para a última xornada, o 6 de decembro, no que actuarán todos os gañadores e gañadoras. A cita tamén será aberta ao público, con entrada de balde ata completar ao aforo.
Alerta