4 noviembre, 2024
Un ano máis, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) convida á cidadanía a coñecer de preto a ciencia mariña que se desenvolve nos seus laboratorios a través das Xornadas de Portas Abertas que terán lugar os vindeiros 8 e 9 de novembro na zona de A Laxe de Vigo.
O obxectivo desta iniciativa é achegar o traballo do persoal investigador a persoas de todas as idades dun xeito lúdico, creativo e de acceso libre. Co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, o CIM deseñou un programa que inclúe unha feira científica no centro comercial A Laxe, visitas guiadas ao observatorio Nautilus, un xogo interactivo e un escape room virtual o venres e un paseo en barco e visita á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) o sábado. Con estas Xornadas de Portas Abertas, o CIM reforza o seu compromiso coa divulgación científica e a educación ambiental, promovendo o coñecemento e a concienciación sobre a importancia dos océanos e a sustentabilidade. Ao dar visibilidade ao traballo que realiza o seu persoal investigador, o CIM espera tamén inspirar ás novas xeracións e crear futuras vocacións científicas.
O venres 8 de novembro, en horario de 17.00 a 20.30 horas, o centro comercial A Laxe converterase nunha festa da ciencia mariña, coa feira Coñece o CIM na rúa, que contará con obradoiros e actividades prácticas deseñadas para que o público poida explorar diversas áreas da bioloxía e tecnoloxía mariñas. Entre os temas que se abordarán, os asistentes atoparán talleres sobre fósiles mariños, técnicas xenéticas para a identificación de especies, observación de sedimentos con microscopios estereoscópicos ou o impacto do cambio climático nas pesqueiras. Todas as actividades estarán adaptadas para un público familiar e non requiren inscrición previa, facilitando o acceso e a participación de persoas de todas as idades.
No marco da xornada, e coa colaboración coa Autoridade Portuaria de Vigo (APV), tamén están previstas visitas guiadas ao visor subacuático Nautilus, unha instalación permanente situada a carón do centro comercial, na que se poden observar fondos mariños en tempo real. Estas visitas terán lugar entre as 16.00 e as 18.00 horas e, dado o seu aforo limitado, requirirán inscrición previa na web cienciasingular.gal a partir de hoxe luns.
Como novidade este ano, as xornadas incluirán un escape room virtual titulado Descobre máis sobre a investigación oceánica co CIM baseado no mural que o CIM ten xunto coa APV e o Campus do Mar no edificio do Real Club Náutico de Vigo. Trátase dunha obra do artista vigués Delio Rodríguez en colaboración con investigadores e investigadoras do CIM e Campus do Mar que representa os piares da observación oceánica e o seu impacto no progreso da investigación mariña. O escape room virtual permitirá aos que se acheguen coñecer máis sobre a investigación oceánica que se realiza no centro dun xeito lúdico e divulgativo usando o móbil como principal ferramenta.
Ademais, na zona da estatua do Nadador instalarase o xogo interactivo Aquamission para explorar o mundo da acuicultura sostible, xogando nun taboleiro de grandes dimensións que espertará o interese pola ciencia mariña e a investigación.
A programación das Xornadas de Portas Abertas continuará o sábado 9 de novembro coa actividade Embárcate co CIM, un paseo divulgativo pola ría que levará ás e aos participantes a bordo dun barco-aula desde o peirao de A Laxe ata a illa de Toralla, nunha travesía pensada para gozar e aprender á vez. As visitas, con dúas quendas previstas entre as 09.00 e as 12.00 horas e de 12.00 a 15.00 horas, son de acceso libre, pero requiren inscrición previa na web cienciasingular.gal.
Durante o traxecto, as persoas participantes realizarán actividades de observación e toma de mostras de organismos mariños e sedimentos, mentres escoitan as explicacións de investigadores e investigadoras do CIM sobre a importancia de cada mostra para a comprensión dos ecosistemas mariños.
A visita continuará na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), onde o público descubrirá de primeira man o corazón da investigación mariña da Universidade de Vigo. Esta infraestrutura científica alberga modernos laboratorios, salas de cultivos, instalacións de mesocosmos e espazos especializados que permiten ao CIM investigar temas como a biodiversidade mariña, o cambio climático e a sustentabilidade dos recursos pesqueiros.
Para quen desexe inscribirse nas actividades do Nautilus do venres ou no paseo divulgativo á Ecimat o sábado ou obter máis información, toda a programación e os detalles de inscrición están dispoñibles na web oficial do programa cienciasingular.gal.
Ademais, ao longo desta semana e previamente a estas actividades, o centro tamén quixo darse a coñecer e poñer en valor o traballo do seu persoal a través dunha campaña divulgativa coa colocación de bandeirolas co lema CIM, ciencia mariña con nome propio en toda a zona da Autoridade Portuaria de Vigo.
Alerta