23 agosto, 2024
A batalla de 1866 no porto do Callao, en Perú, simularase co fogo cruzado entre o castelo de 38 metros de lonxitude e as plataformas situadas no mar
O espectáculo terá unha duración de 21 minutos ininterrompidos de fogos de artificio no que se queimarán 600 quilos de pólvora
Pirotecnia Penide comezará a montaxe a primeira hora da tarde do sábado, tan pronto pare de chover, para que todo estea listo para o día seguinte
O traslado do Combate Naval do sábado ao domingo debido á chuvia non impedirá que os milleiros de fieis que acoden anualmente á cita coa que se pechan as Festas de San Roque poidan gozar do espectáculo pirotécnico con máis soleira de Galicia. O ceo volvera a iluminarse na noite do 25 de agosto cunha sesión de fogos de artificio na que se queimarán 600 quilos de pólvora e na que haberá algunha que outra sorpresa para arrancar as exclamacións do público. Serán 21 minutos ininterrompidos dun espectáculo que rematará coa recreación da batalla naval no porto peruano do Callao en 1866, co fogo cruzado entre un castelo de 38 metros de lonxitude situado no peirao do Ramal, e os barcos que o asediarán dende o mar.
O Combate Naval comezará ás 23.30 horas e poderá contemplarse ao longo dos 2 quilómetros de areal e paseo marítimo que discorren entre a praia da Concha e O Carril e que forman unha bancada natural inmellorable para visualizar comodamente o espectáculo de luz e cor.
O Combate Naval corre da man da Pirotecnia Penide, empresa que acumula unha longa tradición na organización desta emblemática sesión de fogos de artificio. Na cita deste ano teñen previsto disparar 8.000 efectos pirotécnicos que sorprenderán pola forma e, especialmente, pola variada gamas de cores, nada menos que 17 tonalidades diferentes entre as que se incorporan as cores pastel. Tamén, como de costume, os fogos aéreos combinaranse cos acuáticos, que se dispararán en paralelo ao areal ofrecendo un maior campo de visualización dende terra.
Por motivos de seguridade e pola dificultade para atopar barcos axeitados, a principal novidade deste ano é que os fogos acuáticos realizaranse dende plataformas flotantes previamente fondeadas. E tamén será dende estas bases dende as que se lanzarán os disparos contra o castelo. Tras a batalla naval, o espectáculo rematará cunha gran traca final de fogos aéreos.
A instalación das estruturas para o Combate Naval comezará, previsiblemente, a primeira hora da tarde do sábado, tan pronto como cesen as choivas que obrigaron a adiar o espectáculo pirotécnico ata o domingo, xa que a montaxe precisa de 24 horas de preparación e debe facerse sen precipitacións para que a pólvora non se molle e se estrague.
O Combate Naval é un dos eventos máis relevantes do programa das Festas de San Roque de Vilagarcía, declaradas de Interese Turístico Nacional. O espectáculo pirotécnico leva celebrándose dende hai 158 anos, dende o mesmo ano no que tivo lugar o famoso asedio da flota española dirixida por Méndez Núñez contra o porto do Callao.
Alerta