O Concello abre unha liña de axudas de ata 1.000 euros para negocios afectados pola pandemia

Compartir
Axudas en Marín. Fonte: Concello

Ábrese a convocatoria para poder solicitar esta subvención, dirixida a cafeterías, bares, restaurantes, axencias de viaxes, ximnasios, empresas de organización de eventos e locais de celebracións infantís.

As solicitudes realizaranse a través da sede electrónica do Concello de Marín.

 

As consecuencias da crise sanitaria seguen estando aí, aínda que as restricións de cara á actividade económica dalgúns sectores sexan máis relaxadas. Por iso, nun contexto no que recuperar as cifras anteriores á pandemia será difícil para moitos autónomos e pequenos comerciantes e emprendedores, o Concello de Marín saca unha nova liña de axudas directas coas que inxectar liquidez á economía local.

Esta convocatoria está dirixida a traballadores autónomos, microempresas e pequenas empresas, (máx. 10 empregados e non máis dun millón de euros de cifra neta de negocio), nas que entran: cafeterías, bares e restaurantes; axencias de viaxes, ximnasios e centros similares e empresas de organización de eventos e locais de celebracións infantís.

O importe total deste programa de axudas será de case 71.000 euros e os participantes poderán recibir axudas de até máximo 1.000 euros por cada negocio.

Para poder acceder a estas axudas, os negocios deberán estar radicados no termo municipal de Marín. A maiores, será preciso que a súa actividade fose mermada ou pechada forzosamente polas restricións sanitarias, que estean exentos do Imposto de Actividades Económicas no 2021 e que se estea ao corrente coas obrigas tributarias correspondentes.

A presentación de solicitudes realizarase a través da sede electrónica do Concello de Marín (https://sede.concellodemarin.es) e o prazo está aberto ata o 19 de decembro.

Desde o Concello, animan a todos os establecementos que cumpran cos requisitos a que presentena súa solicitude e afirman “que agora temos que seguir apostando por iniciativas coma esta, que nos permitan axudar aos sectores económicos que máis notaron o impacto da pandemia na súa facturación”.

A inversión realizarase con cargo ao Plan Concellos. As bases completas da convocatoria poden lerse aquí:
https://boppo.depo.gal/detalle/-/boppo/2021/12/09/2021062943

 

 

Outras axudas, vales regalo para fomentar o comercio local

Por outra banda, o Concello ten activo un ano máis durante o Nadal o sorteo de 100 tarxetas regalo por valor de 50 euros cada unha, ás que se pode acceder mercando no comercio local, con compras superiores a 30 euros.

Os tickets desas compras deben deixarse no buzón que se encontra na Oficina de Turismo da Praza de España ata o 15 de xaneiro.