O Concello acondicionará unha área de descanso para peregrinos no lugar do Pino

Compartir
Lugar do Pino. Fonte: Concello

Situarase no trazado do Camiño Portugués, nas inmediacións do albergue.

Contará con pavimento de granito, unha marquesiña, mesas e bancos de madeira.

 

Os peregrinos que realizan o Camiño Portugués contarán proximamente cunha nova área de descanso no lugar do Pino, na que poderán coller folgos para continuar coa súa viaxe ata Santiago.

Esta acción de embelecemento e posta en valor da Ruta Xacobea, vén de ser adxudicada á empresa Construcións Martínez Lemos S.L. por un importe de case 20.000 euros. Para financiar as obras o Concello conta cunha subvención da Xunta, a través da Axencia Turismo de Galicia.

 

Lugar do Pino. Area descanso. Fonte: Concello

 

Crearase unha zona cuberta mediante a instalación dunha marquesiña que servirá como punto de selado de credenciais e proporcinoará abrigo para os camiñantes, que poderán descansar e guarecerse da excesiva calor na época estival e das chuvia no inverno.

Tamén se colocará mobiliario, coma unha mesa e bancos de madeira, así coma papeleiras. O pavimento será de granito sobre base de formigón. Esta área situarase a apenas 200 metros do albergue, co obxectivo de fomentar tamén o seu uso por parte dos peregrinos.

O Camiño constitúe hoxe en día un dos principais recursos turísticos de Valga, polo que o Goberno Local é consciente da necesidade de ofrecer unha ruta atractiva para que os camiñantes se sintan convidados a escoller algunha das variantes que discorren polo noso termo Municipal, pernocten, e pasen o maior tempo posible no Concello.