Saneamento en Cea. Fonte: Concello
26 octubre, 2021
A memoria da actuación xa foi aprobada e presupostada en 28.000 euros.
O Concello de Vilagarcía segue programando actuacións para que os núcleos de vivendas de nova creación e de zonas illadas poidan ter acceso aos servizos básicos. Con este obxectivo, a Concellería de Obras e Servizos que dirixe Lino Mouriño vén de presentar á Xunta de Goberno Local o proxecto para a ampliación da rede de saneamento e de recollida de pluviais nun novo tramo da Rúa Carballido, na parroquia de Cea. A actuación está orzamentada en 27.943 euros.
Unha vez superado o trámite de dispor do proxecto e telo aprobado polo órgano de goberno, o executivo terá que planificar a súa execución xestionando a correspondente vía de financiamento, ben con fondos propios ou acolléndose aos programas e subvencións doutras administracións.
O proxecto consistirá en instalar un novo tramo de saneamento por gravidade para dar servizo ao núcleo de vivendas que non dispoñen do servizo, e que conectará coa rede xeral municipal que transcorre polo resto da Rúa Carballido. A obra inclúe a construción dos correspondentes pozos de rexistro e arquetas.
Dado que este tramo de vía conta na actualidade con pavimento de terra, no que cando chove con intensidade se forman pozas de auga e lodo que dificultan o acceso ás vivendas, o Concello aproveitará a actuación para realizar outras melloras. A primeira, canalizar a recollida de augas pluviais mediante imbornais e canais de drenaxe cara a rede xeral de pluviais municipal existente; e a segunda, o asfaltado da vía.