6 agosto, 2024
A achega municipal para a organización de undécima edición do festival do Carril pasa de 5.000 a 7.000 euros
O Concello de Vilagarcía segue apostando polos eventos lúdicos e culturais do municipio, especialmente por aqueles que nos diferencian e contribúen a promocionar a música, a cultura e o patrimonio local, así como a dinamizar a cidade. Neste marco se encadra o Ameixa Rock do Carril, o festival para o que a Concellería de Cultura vén de incrementar nun 40% a súa colaboración económica, pasando dos 5.000 euros que se viñan concedendo nos últimos anos, aos 7.000 que recibirá neste 2024 para a organización da súa undécima edición. A axuda materialízase mediante un contrato menor de patrocinio que xa foi aprobado pola Xunta de Goberno Local.
O Ameixa Rock é un festival musical que se celebra dende hai once anos no Carril a primeira fin de semana do mes de setembro. Organizado pola Asociación Cultural Ameixa Rock, unha entidade sen ánimo de lucro, tense convertido xa en un referente na localidade e todo un elemento dinamizador da vila mariñeira. A maiores do apartado musical, no que se dan citra grupos de rock xa consolidados e espazo de promoción aos emerxentes, o Ameixa Rock inclúe un amplo programas de actividades lúdicas, turísticas e medioambientais destinadas tanto á propia veciñanza do Carril como a forasteiros, especialmente as relacionadas coa difusión do patrimonio natural e etnográfico da illa de Cortegada e do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Ademais, todos os concertos e actividades son de balde para o público, coa excepción das visitas guiadas a Cortegada para as que, non obstante, ofértanse prezos reducidos.
Trátase dun evento que aporta un valor engadido a Carril e a todo o municipio, razón pola cal o Concello desexa que se manteña no tempo e siga medrando. De aí tamén o incremento da colaboración municipal nun ano no que a organización puxo en marcha unha campaña de crowdfunding coa que recadar cartos para financiar o festival que se desenvolverá os días 7 e 8 de setembro e que xa anunciou a Grande Amore como o primeiro grupo do cartel.
Alerta