O Concello comeza coa substitución de máis de 200 lumiarias

Compartir
Luminarias. Fonte: Concello

Este proxecto, que se insire nas subvencións do IDAE I, permitirá reducir o número de incidencias no outono -inverno

Os lugares nos que se van renovar puntos de luz son Cabalo, A Ramorta e Carrasqueira

 

Esta semana comezaron os traballos de execución do contrato de subministro de luminarias LED, en diversos puntos do Concello, que se levan a cabo no marco do IDAE I, unha subvención xestionada pola Deputación de Pontevedra cos Concellos.

Segundo apunta Félix Juncal, Alcalde de Bueu e encargado da área de obras e servizos, “vaise mellorar o servizo de iluminación e reducir o número incidencias durante a tempada de outono – inverno”, pois nos anos anteriores o departamento de electricidade tivo que facer fronte a moitas avarías nesas zonas, sobre todo debidas á potencia e consumo que soportaban os cadros de luz, con moitos puntos conectados.

Estas luminarias de tipo LED permitirán, así mesmo, reducir o consumo de enerxía eléctrica e seguir implementando políticas respectuosas co medio ambiente. Por iso, o Concello está pendente de que a Deputación aprobe o IDAE II, no que se inseriu un segundo proxecto, polo que se van renovar máis de 400 puntos de luz en catro zonas: Montemogos (Beluso); Pousada (Cela); rúa Pazos Fontenla xunto a Matilde Bares, Johán Carballeira, Rosalía de Castro, Jesús López Cortizo, Rúa do Santán e Rúa Xosé María Estévez; e Banda do Río, con actuación en Alexandre Bóveda e Francisco Escáneo.

O goberno local aposta por políticas de aforro enerxético, e por iso, todos os proxectos actúan dende o local para chegar ao global, no marco do cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).