O Concello dá o pistoletazo de saída para a adxudicación do Auditorio de Marín

Compartir
Auditorio. Fonte: Concello

O Pleno da Corporación aprobou onte os pregos para poder iniciar nos próximos días, a licitación das obras dun dos proxectos máis importantes a nivel cultural para a vila.

A súa construción suporá unha inversión de máis de 4 millóns de euros, 2 procedentes da estratexia Marín Dusi, (cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea), e 2 do convenio rubricado coa Xunta de Galicia.

 

 

O Concello de Marín deu onte o paso definitivo para a adxudicación da construcción do Auditorio, unha infraestrutura esencial e demandada desde hai anos pola nosa cidadanía que, por fin, será unha realidade que potenciará a dinamización cultural do municipio.

O Pleno da Corporación celebrado onte aprobou por unanimidade os pregos que rexerán a contratación das obras, así como o préstamo que solicitará o Concello para a aportación municipal que lle corresponde.

O orzamento da obra, que ascende a 4.308.400 euros, será cofinanciado con 2 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia e por outros 2 con cargo á estratexia Marín Dusi, (cofinanciada nun 80% polo Fonde Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea).

 

Auditorio. Fonte: Concello

 

Coa decisión tomada onte polo Pleno da Corporación, iníciase o proceso de licitación que permitirá conseguir á empresa adxudicataria que se encargará de realizar os traballos de construción do ansiado Auditorio.

“Despois de anos de traballo, estamos moi satisfeitos de ter chegado ata este punto, no que por fin podemos ver a cercanía das obras e notar como a construción do noso equipamento socio cultural será unha realidade”, explicou a alcaldesa, que asegura que grazas a esta nova infraestrutura, “Marín poderá dar un salto de xigante no que respecta á dinamización cultural”.

 

Auditorio. Fonte: Concello

 

 

Un “xogo de escamas” con cubertas vexetais, cristal e aceiro

Pola súa ubicación, o edificio está plantexado para integrarse á perfección no entorno, a Praza de España. Estará semisoterrado, reducindo así a barreira visual e primando a horizontalidade, para que non se distorsione a imaxe da fachada costeira. Terá unha imaxe dinámica, moderna e integrada ca contorna, propoñendo un xogo de escamas como as do peixe, nun chisco ao mar e á cultura mariñeira, eixo do ADN social da vila marinense.

Fundamentalmente, o exterior do inmoble combinará tramos verdes, de cuberta vexetal; tramos de cristal e tramos de aceiro. Será especialmente interesante a vista que se poderá ter do edificio desde a Alameda, dado que, ao estar máis elevada sobre o terreo, servirá como miradoiro da superficie do Auditorio, cuxa horizontalidade permitirá que o ar sexa o último elemento da paisaxe á vista.

Segundo se recolle no proxecto, todos os materiais serán durables e de escaso mantemento, incluídas as especies vexetais, escollidas coidadosamente pola súa adaptación ao medio mariño e sen necesidade de regos máis alá da propia chuvia a e humidade do ambiente.

 

Un edificio sostible de consumo case nulo

Por outra banda, o Auditorio está proxectado como un EECN, (Edificio de Consumo de Enerxía Case Nulo). Para iso, combinaranse instalacións de enerxía renovable con características arquitectónicas que minimicen o consumo enerxético. Ademais, todos os sistemas de servizo contarán cas certificacións enerxéticas máis altas posibles.

O inmoble contará con amplos aleros na zona sur, que xerarán sombras ao interior, evitando que a incidencia do sol provoque efecto invernadoiro no interior. Isto virá acompañado da utilización de vidros de control solar, que teñen a capacidade de reflectir a enerxía do sol, controlando tamén a temperatura interna da infraestrutura.

No que respecta á iluminación interior, utilizarase tecnoloxía de tipo LED con sistema DALI, que regula a intensidade luminosa en función da iluminación exterior.

 

Estrutura interna: espazos con múltiples funcións

O deseño do interior do Auditorio está pensado para que teñan cabida todo tipo de actividades socioculturais, desde as que precisan un espazo amplo ata unha pequena aula para actividades máis de diario. Todas elas, en torno a un vestíbulo que poida facer ás veces de praza maior.

A sala principal contará cun patio de butacas cunha superficie de preto de 640 metros cadrados, con 550 localidades, e cun escenario de cerca de 220. O patio de butacas poderá dividirse en tres subespazos que poderán acoller tres visualizacións ao mesmo tempo.

A maiores, o equipamento contará con catro aulas, tres de diversos tamaños e unha máis grande pensada para usos multidisciplinares; dous baños, sete camerinos, unha sala de audiovisuais e un almacén. Toda a planta sumará un espazo total de case 2.000 metros cadrados.