– A actuación consistirá na mellora da envolvente, eficiencia enerxética, iluminación, acondicionamento de espazos e carpintarías interiores, entre
outras obras, para darlle continuidade ao cambio eléctrico e das fiestras acometidos en anos anteriores
– Os prazos estiman que o proxecto estará listo ao comezo da primavera para proceder posteriormente á súa contratación cun orzamento que superará os 600.000 euros
O Concello de Arbo vén de recibir, por parte da Consellería de Educación, a confirmación oficial do inicio da redacción do proxecto de rehabilitación integral e funcional do CEIP Antonio Carpintero, o único do municipio e que acolle no presente curso académico a 130 rapaces de educación infantil e primaria.
Segundo explicou o alcalde, Horacio Gil, a actuación consistirá na mellora da envolvente e da cuberta, a adopción de medidas de eficiencia enerxética, a renovación dos sistemas de iluminación, o acondicionamento de espazos ou a remuda das carpintarías interiores, entre outras obras.
Deste xeito, daráselle continuidade aos traballos acometidos ao longo dos últimos anos e que se centraron no cambio do sistema eléctrico e das fiestras, así como as oportunas obras de mantemento.