30 noviembre, 2021
Preto de 90.000 euros procedentes de fondos europeos serviron para instalar 196 luminarias LED, en lugares como a rúa Álvaro Pino ou a Praza Maior.
A veciñanza do concello das Neves desfruta dunha nova iluminación exterior nalgunhas das súas rúas e prazas tras a actuación que se realizou cunha achega de 89.750 euros que o IDAE confirmou á Deputación de Pontevedra. O cambio de luminarias supón ás Neves un aforro enerxético do 60% en lugares como a rúa Laredo, á que acudiron esta mañá o deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde do municipio, Xosé Manuel Rodríguez, xunto a dous concelleiros.
Ademais desta rúa, as actuacións realizáronse noutros puntos do municipio como a EP-4203, as PO-415 e PO-400, as rúas Cruceiro, Álvaro Pino e Marques do Pazo, a Praza Maior ou a Praza San Agostiño. En total instaláronse 196 luminarias LED, máis respectuosas co medio ambiente e cunha duración estimada de 100.000 horas. Con elas redúcese a potencia instalada mantendo a calidade de iluminación e mellorando a eficiencia das instalacións sen incrementar o número de puntos de luz.
Mediante este tipo de actuacións Deputación promove a consecución do ODS nº 7, que busca garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna. Ademais, fai un chamamento á sociedade na necesidade de empregar recursos sostibles que sexan o menos prexudiciais posible co medio ambiente, como é o caso da tecnoloxía LED.
A Deputación xestionou estas axudas europeas para renovación de iluminación exterior diante do IDAE, que distribúe en España parte do programa operativo FEDER. Para elo acolleuse á convocatoria para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. As axudas están encadradas dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS), para o período 2014-2020 elaborado pola Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública do Goberno de España.
Alerta