3 noviembre, 2021
O documento, que se aprobou no pleno cos votos a favor de BNG, ACB e PSOE e a abstención do PP, ten como estratexias a descarbonización do territorio municipal e a adaptación ao cambio climático.
Xosé Leal, concelleiro de medio ambiente, salienta que “do que se trata é de actuar dende o local para cambiar o global”.
O Concello de Bueu xa conta cun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía, un documento estratéxico que se aprobou na sesión plenaria deste mes de novembro cos votos a favor de BNG, ACB e PSOE, e a abstención do PP. O plan recolle diversas cuestións a implementar de cara a reducir a pegada de carbono nas diversas accións gobernativas de protección do medio ambiente.
Segundo apuntou Xosé Leal, concelleiro de medio ambiente, “este plan é unha estratexia a desenvolver e significa continuar coa senda de políticas sostibles e respectuosas que xa comezamos nestes anos, como a optimización dos recursos hídricos ou a incorporación de luminarias led”.
O municipio bueués, que foi un dos primeiros en adherirse ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía no 2018, dispón agora dunha guía que lle permitirá optar a diferentes axudas, deseñar as estratexias e proxectos do futuro e informar dos avances que se vaian dando á Unión Europea.
“Do que se trata é de actuar dende o local para cambiar o global”, en palabras de Leal, quen tamén fixo fincapé na importancia de primar a saúde do noso planeta para que así se mellore a de toda a humanidade.
O plan foi elaborado pola empresa Terravanza Gabinete de Estudios Territoriales Avanzados SL, que tamén foi a encargada da redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, e consta de dúas partes: a primeira ten que ver coa descarbonización do territorio municipal, reducindo as emisións de GEI no termo municipal nun 40% para o ano 2030.
Alerta