O Concello de Bueu organiza unhas festas de San Martiño con catro días de actividades

Compartir
Presentación San Martiño. Fonte: Concello

Audiovisual, xogos tradicionais e inchables, magosto, obradoiro de debuxo e patrimonio, teatro e música constitúen as apostas do Concello, por unhas festas sostibles.

A maioría dos eventos programados terán lugar nunha carpa situada en As Lagoas, e contarase con todos os protocolos da Covid-19.

 

 

O Concello de Bueu pecha o seu programa de festas populares coa celebración do San Martiño que, seguindo a dinámica do proxecto das Freguifestas que se levou a cabo nas parroquias, contará cunha programación pensada para todos os públicos desde o 11 ata o 14 de novembro. Audiovisual, xogos tradicionais para toda a familia, magosto, obradoiro de debuxo e patrimonio, teatro e música constitúen a aposta da concellería de cultura por unhas festas sostibles, que se celebrarán nunha carpa situada en As Lagoas.

Xosé Leal, concelleiro de cultura, salientou na rolda de prensa celebrada este sábado que “despois dun ano complexo debido á Covid-19, dende o Concello de Bueu queremos demostrar que a cultura segue sendo máis prioritaria e necesaria ca nunca”. O programa está organizado polo Concello de Bueu, coa colaboración da Xunta de Galicia, do Galp Ría de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra, a Asociación Bueu en Festas, as ANPAS de Bueu, Beluso e Cela e a Asociación Cultural Santos Reis.

 

Programa festas. Fonte: Concello

 

Os eventos arrancarán o xoves, coincidindo coa festividade do San Martiño, con xogos tradicionais a partir das 11 horas. Xa pola tarde, ás 17 horas programarase o espectáculo “A casa do terror” de Xoan Curiel, un musical ateigado de rock e terror no que se ensamblan cancións, danzas, teatro, clown e no que tamén participa o público. Xa pola noite, ás 20 horas, a verbena estará amenizada por Los Players.

O venres pola tarde, entre as 17 e as 19 horas, a carpa das Lagoas acollerá xogos tradicionais e inchables, mentres que o grupo local Distrito 7 serán os encargados de amenizar a festa da noite.

O sábado arrancará ás 10 da mañá coa ruta “Debuxando a memoria da auga”, na que o artista local Joshua Xanbreo convidará ás persoas participantes a inspirar as súas creacións e debuxos arredor das fontes e lavadoiros da parroquia de San Martiño, co obxectivo de poñer en valor estes elementos patrimoniais da historia bueuesa. Para esta actividade é preciso inscribirse previamente a través do enderezo electrónico cultura@concellodebueu.gal.

Tamén pola mañá, entre as 12 e as 13.30 horas, haberá inchables e xogos na carpa. Pola tarde terá lugar un magosto popular, no que colaboran as asociacións de nais e pais das tres parroquias. Xa pola noite, no marco do programa “Tornar ás táboas” da Deputación de Pontevedra, a compañía teatral Teatro de Ningures representará a obra “O Grocho”, que se poderá ver no Centro Social do Mar ás 21 horas, e posteriormente rematará a festa na carpa cun concerto a cargo de Rebelióm do Inframundo + DJ Pol.

O domingo será un día tamén de xogos e inchables e, pola tarde, ás 18 h estrearase o audiovisual “O Ronsel de Manuel Aldao e Manolo Purro” no Centro Social do Mar.
E, como vén sendo habitual, do do 11 ao 14 de novembro tamén se pode ver unha mostra de fotos antigas no adro pequeno da igrexa parroquial, que promove a Asociación Cultural Santos Reis, e na que se lembran persoas e espazos do Bueu do pasado.

 

‘O Ronsel de Manuel Aldao e Manolo Purro’

Continuando co labor de reivindicación da memoria individual e colectiva, o Concello de Bueu vén de publicar un pequeno libro e un documental no que se pon en valor as traxectorias de Manuel Aldao e Manolo Purro, dous homes que traballaron arreo polo patrimonio local e que comparten espazo en “O Ronsel do mar”. Este proxecto saíu adiante coas axudas do Galp Ría de Pontevedra, e o resultado do documental poderase ver o domingo ás 18 horas no Centro Social do Mar.

Tanto o libro coma o audiovisual recollen o testemuño destes dous homes bueueses, amais do que supuxo a súa contribución á historia local, e perfís de persoas da súa contorna, como Salvador Castro ou Míriam Ferradáns. Félix Juncal, alcalde da vila, describe no limiar do libro a “Manuel Aldao e a Manuel Purro como dous patróns dun barco que simboliza a Bueu e á súa historia”.