O Concello de Cangas inicia un novo obradoiro de emprego

Compartir
Conservación e mellora montes. Fonte: Concello

O Concello de Cangas acaba de recibir unha subvención da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia para poñer en marcha un novo obradoiro de emprego relacionado co ámbito forestal.

Denominado Granxa da rúa X,  terá unhas características similares ás do Obradoiro que xa rematou o pasado mes de decembro.

As persoas desempregadas que estean interesadas en participar nel como alumnas- traballadoras deben solicitalo o antes posible na Oficina de Emprego de Cangas, xa que a sondaxe de candidatos/as preseleccionados/as vaise realizar en breve.

O obradoiro de emprego está dirixido a un total de 20 persoas en situación de desemprego (10 por especialidade), que serán contratadas polo Concello de Cangas na modalidade de contrato para a formación, por un período de nove meses e a xornada completa. Durante este tempo recibirán a formación teórico- práctica prevista nos certificados de profesionalidade, alternándoa ademais co desenvolvemento de traballos reais en diferentes espazos forestais das Comunidades de Montes do Municipio.

 

Especialidade de vixilancia e extinción de incendios forestais. Fonte: Concello

Vanse impartir dúas especialidades do ámbito forestal, compostas dos certificados de profesionalidade seguintes:
– Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, na que participarán 10 alumnos/as traballadores/as.
– Operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais, e apoio a continxencias no medio natural e rural, na que participarán 10 alumnos/as traballadores/as.

Así mesmo, neste días o Concello de Cangas vai poñer en marcha a selección do persoal docente e de coordinación que vai traballar no obradoiro, formado por un total de 4 traballadores/as.

Para ampliar información ou aclarar dúbidas, as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa Casa de Oficios do Concello, no correo casadeoficios@cangas.gal ou no telefono 986304650 os días 14 e 15 de setembro entre as 16:00 e as 18:00 horas.