Imaxe do afundimento dun treito do paseo fluvial preto do Muíño do Cura en Catoira
14 noviembre, 2025
Castaño reuniuse con persoal do departamento estatal debido a que o balastro e unha árbore situada en terreos de dominio público que caeu ao río Catoira fixeron un tapón que modificou o leito e deixou o itinerario peonil practicamente no aire
O Concello de Catoira vén de solicitar ao departamento de Costas do Estado unha resposta urxente para solucionar o afundimento dun treito do paseo fluvial municipal preto do Muíño do Cura. O alcalde vén de reuniuse con persoal do departamento estatal debido a que unha árbore situada en terreos de dominio público marítimo fluvial caeu no río Catoira e o balastro, fixeron un tapón que modificou a dirección da auga, e esta erosionou unha parte dos terreos da ribeira deixando o itinerario peonil practicamente no aire, nunha situación de posible perigo para as persoas.
Castaño explica que o persoal de Costas recoñeceu que a árbore caída procedía dun terreo de dominio estatal e por tanto era da súa responsabilidade. Por iso, propuxeron estudar posibles solucións: como alternativas barállase apartar o paseo no punto afectado, desviándoo cara un lado facendo un ángulo ou, como solución máis a medio prazo, trasladar a totalidade do paseo cara á esquerda no sentido da corrente nun treito máis extenso, duns 70 metros, dende a ponte do AVE cara a costa. Descártase facer ningún tipo de recheo de carácter ‘duro’ cun dique para reforzar a marxe afectada.
O alcalde explica que o persoal de Costas quedou en dar resposta ao goberno municipal no prazo de dúas semanas. Con todo, Castaño agarda ter noticias do departamento estatal antes desa data para que retiren o tronco do leito fluvial e evitar que, coas importantes chuvias que se están a producir nestes días, se forme unha presa natural que xere inundacións na zona.

Imaxe do afundimento dun treito do paseo fluvial preto do Muíño do Cura
O nacionalista subliña que, polo momento, non hai ningún compromiso por parte de Costas mais destaca que o Concello vai tender a man confiando en boas novas en forma de proxecto e financiamento urxente para solucionar o problema. En calquera caso, subliña que o goberno local fará a presión necesaria para que se tomen cartas no asunto de maneira rápida, xa que manter o paseo fluvial nesas condicións -está xa afundido- pode supoñer un risco para as persoas que transitan por el. Ata o de agora, apunta o alcalde, non se produciron caídas nin outros problemas, en parte, porque hai instalada unha rede antiesvaramentos.
Mentres non se avanza na solución, resolve o nacionalista, o Concello instalará carteis visibles nas inmediacións da zona afectada para advertir dos riscos de pasar camiñando. “Por agora é o que podemos facer dende o Concello, ademais de esixir de forma firme que actúe a quen ten a responsabilidade”, subliña, engadindo que se o leito fluvial tivese mantemento e limpeza periódica da vexetación de ribeira, a situación non se tería agravado ata chegar ata este extremo.
O alcalde explica que o Concello leva varios meses reclamando “en distintas portas” que se solucionase o problema. Inicialmente falouse con Augas de Galicia por ser a entidade responsable da xestión do dominio público hidráulico e a conservación das augas e das zonas de ribeira. Ao certificar finalmente que a zona é de Costas, xa se iniciaron os contactos co departamento estatal.
Indica o alcalde que tamén se pediron responsabilidades a Adif, xa que os balastros despréndense habitualmente dende a vía do tren contribuíndo á modificación do leito do rio. “Esa xa non será unha batalla do Concello. Terán que poñerse de acordo entre as dúas administracións. Nós o que queremos é arranxar o perigo existente no paseo e que a xente volva poder pasar segura por aí”
Alerta