Imaxe da posta a punto da depuradora municipal de Catoria
2 diciembre, 2025
Castaño explica que as sancións impostas por Augas de Galicia débense a un erro administrativo por notificar de xeito incorrecto os traballos de mantemento previstos para a EDAR, que xa estaban planificados dende o mes de marzo
Acusa a García de críticas “oportunistas e fóra de lugar”
O Concello de Catoira está estes días a renovar tres bombeos e as lámpadas de desinfección ultravioleta da estación depuradora de augas residuais (EDAR) municipal para poñela a punto e garantir que funcione de maneira correcta. Así o subliñou hoxe o alcalde Castaño, quen explicou que a mellora xa estaba prevista dende o pasado mes de marzo, polo que rexeitou de maneira firme as acusacións de falta de planificación e desatención das instalacións feitas onte polo PSOE.
Castaño subliña que a principios de ano deu orde de redactar unha memoria de necesidades da EDAR, tras detectar que había equipos que estaban a esgotar a súa vida útil e precisaban ser substituídos -polo seu estado non resultaba eficiente facer novas reparacións de gran calado-. No mes de abril, engade o alcalde, presentouse o proxecto de renovación das máquinas na Deputación para conseguir o financiamento necesario a través do Plan + Provincia.
Namentres, cando se agardaba polo subministro do material, o 31 de outubro, Augas de Galicia realizou unha inspección na que detectou os problemas xa advertidos polo propio Concello e fixo unha advertencia da necesidade de realizar melloras. A administración local, a través do persoal municipal responsable da área, enviou distintos informes contestando aos requirimentos e explicando as actuacións previstas para corrixir a situación. Porén, Augas de Galicia nunca chegou a recibir esa comunicación, polo que continuou co seu expediente sancionador.
Ante o ‘malentendido’, o goberno de Castaño quixo aclarar a situación xa que o Concello tiña rexistro de saída da comunicación cara Augas de Galicia. Finalmente, comprobouse que o as notificacións á Xunta das actuacións previstas tanto na EDAR coma en distintos bombeos se fixeran de maneira incorrecta, incumprindo co procedemento administrativo establecido, motivo polo que a pesares de ter planificado as melloras requiridas, o Concello ten que asumir as sancións impostas.
“Non hai ningunha falta de planificación, nin tampouco desatención da EDAR por parte deste goberno. O que hai é un erro dunha persoa traballadora que tiña que facer a notificación pola canle estipulada. É un erro administrativo, en ningún caso de planificación, porque as melloras estaban previstas dende moito antes de que se fixera a inspección de Augas”, salienta Castaño.
O rexedor engade que “todo o mundo pode entender que mercar os equipos para a depuradora e instalalos non é cousa de dous días, senón que require uns procesos de licitación”, por iso considera que as críticas feitas onte por Alberto García e o PSOE á xestión municipal non son máis que un novo exemplo da súa “maldade” e “rancor” cara o goberno local. “García solta os seus ‘bulos’ de maneira oportunista e fóra de lugar xusto cando se están a realizar as instalacións dos equipos na depuradora. Só quere facer ruído atacando sen fundamento, porque é obvio que dicir que hai falta de planificación cae polo seu propio peso”, advirte o nacionalista.
Melloras na EDAR
Nestes días, tal e como o Concello anunciou en nota de prensa o pasado 20 de novembro, a empresa ‘Espina y Delfín’ está a instalar a un bombeo de cabeceira no sistema de entrada das augas da EDAR, outro bombeo para o sistema de recirculación, e unha motobomba nova para o bombeo de lamas. Está previsto que a vindeira semana cheguen as lámpadas de desinfección ultravioletas. O investimento nesta actuación supera os 26.400 euros. Dende o Concello tamén se deu orde ao persoal da depuradora de mellorar os traballos de limpeza e acondicionamento das instalacións.
Toda a rede de saneamento existente en Catoira, lembra Castaño, conduce as súas verteduras á EDAR, que ten unha capacidade de depuración deseñada para uns 5.000 habitantes e unha capacidade hidráulica de 1.700 metros cúbicos ao día de media, cun máximo de caudal instantáneo de 142 metros cúbicos á hora.
No momento no que as augas residuais chegan á EDAR pasan por un tratamento primario, que consiste no tamizado de sólidos e a retirada de areas e graxas, e un tratamento secundario biolóxico en ausencia de osíxeno en dous reactores distintos. Posteriormente, hai un tratamento terciario mediante desinfección por radiación ultravioleta, que elimina microorganismos e patóxenos grazas a raios de luz nunha lonxitude de onda específica que destrúen o ADN dos microorganismos, eliminándoos de forma instantánea. A maiores, na EDAR existe unha liña de tratamento de lamas.
Logo de pasar por todo este proceso de depuración, a masa de auga saínte da EDAR ten unha calidade mínima de “boa ou mellor que boa”, segundo os parámetros da normativa vixente. Castaño apunta que os datos da aptitude da auga que se verte ao mar poden incluso mellorar agora que se renovarán os equipos e funcionarán con toda a súa capacidade, xa que a liña de tratamento implantada na depuradora ten tres etapas de tratamento que poden alcanzar unha categoría de vertido superior en dous graos á establecida na súa autorización, o que suporía verter auga coa máxima calidade posible.
Alerta