7 agosto, 2024
O importe total é de 16.925.102,52 €, o que supón un aumento de 3’1 millóns con respecto ao orzamento prorrogado de 2022. O Concello ten asemesmo un remanente de Tesourería de 7 millóns dispoñibles para investimentos
“O relevante é que a situación económica de Nigrán é envidiable, con débeda 0, sen ningún crédito e con gran capacidade para abordar aínda máis cuestións de índole social que mellorarán a calidade de vida de toda a veciñanza”, subliña o alcalde, Juan González
Na mesma sesión plenaria aprobouse novamente o expediente de contratación de recollida de lixo e unha modificación no contrato coa empresa redactora do PXOM. “A actitude do PP revela que simplemente queren evitar a toda costa que o goberno de Nigrán acade estes fitos fundamentais para o municipio”, di o alcalde en referencia aos votos en contra do PP a todo
O goberno de Nigrán aprobou hoxe en sesión plenaria un orzamento histórico para o ano 2024 de 16.925.102,52 €, o que supón un aumento de 3’1 millóns con respecto ao orzamento prorrogado de 2022. O Concello ten asemesmo un remanente de Tesourería de 7 millóns dispoñibles para investimentos, entre elas están consignados gastos por 2’3 millóns que inclúen os bosques-escola de Camos e Vilariño, o saneamento da rúa Raña (Priegue), os vestiarios do campo de fútbol Jorge Souto, a reforma do antigo centro de saúde de Panxón ou a humanización de rúa Mariñeiro (Panxón) .
“O relevante é que a situación económica de Nigrán é envidiable, con débeda 0, sen ningún crédito e con gran capacidade para abordar aínda máis cuestións de índole social que mellorarán a calidade de vida de toda a veciñanza”, subliña o alcalde, Juan González, quen lamentou o voto en contra de PP e BNG e criticou especialmente aos populares. “Votaron en contra do orzamento, do contrato do lixo e do cambio no contrato da empresa redactora do PXOM para que fagan as últimas adaptacións cartográficas obrigatorias. A súa actitude revela que simplemente queren evitar a toda costa que o goberno de Nigrán acade estres fitos fundamentais para o municipio”, sinala.
Entre os novos aspectos que recolle o documento figuran prácticamente 1 millón de euros para o Servizo de Axuda no Fogar fronte aos 540.000 € do ano 2022 e 1’9 millóns para o novo servizo de recollida de lixo (correspondentes a este ano), ambas cuestións básicas para formalizar as contratacións, polo que resultaba imprescindible dispor deste novo orzamento. O documento actual inclúe tamén 200.000 € para dotar de crédito subvencións en concorrencia competitiva entre as que se inclúen novidades como o bonotaxi ou subvencións nominativas a entidades por importe total de 115.000€ ou 260.000 € para os diferentes convenios coa Xunta (25.000 € por ‘Xantar na casa’, 65.000 € pola ‘Galiña Azul’, 40.000 € ao transporte metropolitano e 130.000 € ao Nigranbus).
“Non se produce absolutamente nin un mínimo recorte, o que se fai, grazas á boa situación económica, é aumentar partidas ou crear novas destinadas a sectores da poboación con menos recursos e tamén a aquilo vinculado co aporte e fomento de actividades que creen emprego ou beneficien á economía local”, explica González, quen incide en que “é un documento vivo que se vai modificandose hai necesidade”.
Servizo de recollida do lixo
O goberno de Nigrán deu luz verde no Pleno por segunda vez e cos votos en contra do PP e a abstención do BNG aos plegos que rexerán a contratación do servizo de recollida de residuos, limpeza viaria e praias do municipio, cuestión que tivo que ser paralizada anteriormente por reclamacións da CIG primeiro e PP despois. Agora o documento regresou ao pleno aumentando en 80.000 € o orzamento previsto para incluír fracción orgánica con 70 contedores marróns de carga lateral e facendo independente a recollida téxtil para que a realice uha entidade de inserción social. O resultado é un orzamento total de 32.980.000 euros (o maior da historia do municipio) por un contrato de 10 anos sen posibilidade de prórroga. “Agardamos que o PP non poña máis trabas con reclamacións absurdas e poidamos ao fin contratar o servizo, que é o que o Partido Popular pretender evitar”, sinala o rexedor.
Contrato empresa redactora do PXOM
O goberno de Nigrán aprobou coa abstención do BNG e o voto en contra do PP iniciar o expediente de modificación do contrato coa empresa redactora do PXOM, Alfonso Botana S.L., ao ter que facer tarefas de normalización e de adaptación cartográfica aos novos formatos esixidos, cuestión imprescindible para a súa aprobación provisional e circunstancia sobrevida despois de ter xa asignado o contrato.
Aprobación da Axenda Urbana da Área Funcional do Val Miñor
O goberno aprobou cos votos a favor do PP e abstención do BNG a Axenda Urbana da Área Funcional do Val Miñor que abrangue aos tres municipios que a compoñen e que permitirá, deste xeito, optar a máis subvencións europeas.
Alerta