1 octubre, 2024
A compra inclúe 7 baixos comerciais que unidos sumarían máis de 500 m2 e que se destinarán a espazo xuvenil, entre outras cousas
«É unha oportunidade única para que Nigrán conte cun Auditorio Municipal de primeira e con novas infraestruturas municipais nun enclave perfecto e a un prezo inigualable», explica o alcalde, Juan González
O goberno local consignou tamén 30.000 € para construír a través do Fondo Galego de Cooperación unha escola na illa de Pecixe, en Guinea-Bissau, ademais de outros 10.000 € para levar a auga potable a unha aldea de Cabo Verde
O goberno de Nigrán consignou no pleno ordinario de hoxe un total de 160.000 € para a compra dos antigos cines do Centro Comercial A Ramallosa e de 7 baixos comerciais co voto en contra do PP e a abstención do BNG. O obxectivo do goberno é unir as dúas salas de proxeccións para que Nigrán dispoña ao fin dun Auditorio Municipal acorde ás necesidades actuais do municipio, tal e como o rexedor marcara como obxectivo deste mandato.
«É unha oportunidade única para que Nigrán conte cun Auditorio Municipal de primeira e con novas infraestruturas municipais nun enclave perfecto e a un prezo inigualable, en canto nos enteramos desta posibilidade non o dubidamos nin un intre», explica o rexedor, Juan González, en referencia ao baixo prezo da operación e á localización, nun dos grandes centros urbanos do municipio. «Con 160.000 € non poderíamos construír nada similar, o aforro é tremendo aínda sumando a reforma que lle fagamos», sinala en referencia a estas dúas salas pechadas definitivamente no ano 2014 e que dispoñen de 160 butacas cada unha e 419 m2 en total. Ademais, a esta nova infraestrutura e, dentro do mesmo prezo, súmanse 7 locais comerciais na planta baixa do centro comercial e que se poden anexionar entre si conformando algo máis de 500 m2 . «Estes locais pechados desde hai anos serán reconvertidos en centro de ocio xuvenil, incluíndo ademais unha sala de estudo para ofrecer unha alternativa máis á da Biblioteca Municipal», explica o rexedor, a quen os propios comerciantes se dirixiron para informarlle da posibilidade da compra.
«Actualmente estamos moi limitados co Auditorio do Concello porque, ademais de funcionar como tal, é tamén o lugar de ensaio da Escola Municipal de Teatro ou o espazo para o Cine-club Val Miñor Alice Guy. Esta adquisición permitiranos desdobrar as opcións e ampliar e mellorar a nosa xa rica programación cultural», considera o alcalde, Juan González.
Escola en Guinea-Bissau e auga potable en Cabo Verde
O goberno de Nigrán aprobou tamén cos voto en contra do PP e a abstención do BNG a consignación de 30.000 € para construír a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade unha escola en Pessangue, na rexión de Cacheu de illa Pecixe, en Guinea-Bissau. Anteriormente, a entidade supramunicipal presidida polo alcalde de Nigrán investira 72.000 € destinados principalmente a dotar á zona de auga potable, pero tamén para loitar contra a Covide ou mellorar o equipamento hospitalario destinado a área materno-infantil. Agora será o Concello de Nigrán, con fondos propios e aproveitando a experiencia do Fondo, o que financie ao 100% esta escola de ensino básico unitaria. «Cando visitei esta poboación agradecéronme inmensamente ter levado a auga potable e sinalaron a necesidade dunha escola para, de verdade, acabar coa fame. Esta idea confeso que me gañou, porque tamén o vexo así, e en Nigrán temos os fondos para poder facelo e sentirnos moi orgullosos delo», considera o alcalde.
A maiores, o goberno local consignou tamén 10.000 € para a adquisición dun motor de bombeo e placas fotovoltaicas para, a través do Fondo Galego tamén, levar auga a Tarrafal, zona moi pobre de Cabo Verde. Estes investimentos, sumados aos máis de 20.000 € para os campamentos saharauis ou a compra dunha bomba de impulsión para un poboado de Mozambique, fan que Nigrán sexa dos poucos municipios de España que se achega xa aos obxectivos da axenda 2030 ao destinar preto do 0,7% do seu orzamento a cooperación internacional.
Alerta