16 agosto, 2024
O CONCELLO DE NIGRÁN CONSIGNA 45.000 € PARA FINANCIAR OBRAS DE MELLORA EN TRES CENTROS CULTURAIS E VECIÑAIS DO MUNICIPIO CO VOTO EN CONTRA DA OPOSICIÓN
O goberno local aprobou en solitario financiar unha nova cociña para o C.C.As Angustias, o cambio de carpintería exterior da A.V. Monteferro e a remodelación da A.V.Chandebrito
Estas axudas directas criticadas pola oposición súmanse aos 90.000 € do ano pasado para financiar un ascensor para facer accesible o C.C. Bolos da Carrasca, a climatización do auditorio de O Torreiro de Priegue, a impermeabilización do Centro Cultural A Camoesa e a reforma do C.C.Parada do Miñor
“Son entidades locais que desenvolven actividades de interese para toda a veciñanza e que, polo tanto, deben contar coa axuda directa do Concello”, considera o alcalde, Juan González
O Concello de Nigrán consignou no orzamento aprobado cos únicos votos favorables do goberno local a consignación de 45.000 € para emprender obras de mellora en tres entidades locais do municipio. En concreto, para repartir a partes iguais (15.000 €) entre o Centro Cultural As Angustias para a renovación da súa cociña; Asociación de Veciños de Monteferro para cambiar a carpintería exterior do seu local na Porqueira (neste caso non é subvención porque é un local municipal, polo que o Concello asume as obras de xeito directo) e; finalmente, para a remodelación da sede da Asociación de Veciños de Chandebrito. A estes cartos súmanse 90.000 € outorgados o ano pasado polo Concello a catro entidades, concretamente, para financiar a instalación dun ascensor no C.C. Bolos da Carrasca (Parada), a climatización do auditorio de O Torreiro de Priegue, a impermeabilización do Centro Cultural A Camoesa e, finalmente, para reformas no C.C.Parada do Miñor. A estas axudas nominais hai que sumar 110.000 € consignados neste novo orzamento para subvencionar mediante concorrencia competitiva as actividades que desenvolven ao longo do ano (entre elas, por vez primeira, incluíronse no orzamento ás corais de Nigrán con 18.000 €).
“Todas son obras moi necesarias para que desenvolvan a súa actividade con normalidade e desde o goberno local consideramos totalmente xustificado outorgalas de xeito directo porque son entidades locais públicas que traballan desinteresadamente a prol da veciñanza. É a nosa obriga axudalas sendo nos a administración máis cercana. Non compartimos a visión de BNG e PP, que votaron en contra do orzamento argumentando, entre outras cousas, que é inxusto e arbitrario outorgar estes cartos así. Desde o Concello mantemos as subvencións que son por concorrencia competitiva, como non pode ser doutro xeito, e seguiremos apostando por achegas directas para as melloras concretas neste tipo de entidades culturais, veciñais, deportivas ou incluso para comunidades de augas ou cemiterios, como xa fixemos”, engade o alcalde, Juan González.
Alerta