28 septiembre, 2024
Alumnado de 1º de Bacharelato do IES Val Miñor participou nunha xornada sobre o poeta nacional portugués organizada polo Concello de Nigrán con motivo do seu 500 aniversario e da súa vinculación coa parroquia de Camos
A xornada dirixida por profesores de diferentes universidades de Portugal continuou pola tarde no Salón de Plenos do Concello de Nigrán cunha charla aberta ao público
O Concello de Nigrán achegou esta mañá ao alumnado do IES Val Miñor a figura de Luís Vaz de Camôes, considerado o pai da lingua portuguesa, reivindicando a súa orixe nigranesa (o seu tataravó, Vasco Pires de Camôes, era un fidalgo oriúndo de Camos que se tivo que exhiliar a Portugal durante as guerras dinásticas do século XIV). A catedrática da Universidade Fernando Pessoa, Isabel Ponce de León, e Sofía de Melo Araújo, da Universidade de Porto, dirixiron unha charla na que Manuel Sobral Torres á guitarra e voz musicou versos.
“Máis alá da orixe da familia de Camôes, o trascendente é que el foi o gran embaixador da nosa lingua común, o galego-portugués, el escribíu en portugués, en galego, en castelá e en galego-portugués; Camôes bebeu do noso cancioneiro tradicional compartido, das cantigas de amigo, de amor e de escarnio, é un autor universal que nos une”, explicou Isabel Ponce, ao tempo que Sofía Araújo exhaltaba a importancia da súa figura destacando que “moi poucos países no mundo teñen un poeta nacional incuestionable” e en Portugal ese lugar o ostenta unánimemente Luis Vaz de Cam[oes, autor da epopea ‘Os Lusíadas’, símbolo de identidade para o pobo portugués.
Estas xornadas organizadas polo Concello de Nigrán e a Asociación Impulsora da Casa da Lusofonía coincidindo co 500 aniversario do nacemento do poeta luso continuaron pola tarde cunha xornada aberta ao público no salón de Plenos do Concello de Nigrán. Así, tendo en conta esta orixe, o doutor da universidade de Coímbra José Carlos Seabra Pereira impartíu unha conferencia alusiva ao tema e a continuación, Isabel Ponce de León e Sofía de Melo Araújo conversaron con Isabel Rio Novo, autora da derradeira biografía sobre Luis Vaz de Camôes, ‘Fortuna, caso, tempo e sorte’ (2024), gran éxito de vendas en Portugal. Manuel Sobral pechou o acto cun recital no que se fixo especial alusión a Francisco de Quevedo, moi influído por Camôes e quen naceu, precisamente, no ano da morte do portugués (faleceu en 1580 e está enterrado no Mosteiro dos Xerónimos de Belem xunto a Vasco de Gama).
“Levamos meses organizando estas xornadas coa ilusión de irmandarnos aínda máis co pobo portugués ao tempo que poñemos no foco que Nigrán, concretamente Camos, forma parte da súa Historia. É amplamente coñecido que Camôes era descendente de fidalguía galega exiliada en Portugal, pero o que non se menciona nunca é que eran de Camos, e de aí o seu propio apelido”, incide o alcalde, Juan González, quen subliña que a idea é que destas xornadas xermine un centro de estudos permanente con sede en Nigrán.
Alerta