16 noviembre, 2024
O troco dos 259 puntos de luz existentes por tecnoloxía LED permitirá un aforro de 133.000 kW/h ao ano. As substitucións realizadas nos últimos 6 anos permitiron pasar dun consumo de 4,8 millóns de kWh/ano aos 3’5 millóns actuais, cuantificándose o aforro en máis de 62.000 €
O Concello de Nigrán ven de substituír as 259 luminarias de Porto do Molle por tecnoloxía LED, o que se traducirá nun aforro drástico de 133.000 kWh/ano. O investimento de 79.134 € foi subvencionado nun 80% pola Xunta a través das axudas da Consellería de Economía e Industria para a mellora das infraestruturas dos parques empresariais de Galicia. Ademais de este troco, para acadar aínda máis aforro enerxético, axustarase o horario de funcionamento e regularase o fluxo a determinadas horas da noite, cando non hai practicamente viandantes e vehículos (un único modelo permite diferentes potencias ópticas e reduccións horarias). Segundo o estudo previo, a instalación estaba sobredimensionada en canto a potencia e obsoleta en canto á tecnoloxía das lámpadas, polo que se consumían 200.321 kWh/ano. O troco de todas as luminarias culminouse onte.
“Unha lámpada de vapor de sodio ten unha vida media útil de 12.000 horas e unha de LED entre 50.000 e 100.000 horas, polo que o aforro económico para o Concello é máis que substancial, por iso xa estamos acabando de substituír as de todo o municipio”, indica o alcalde, Juan González. Así, os trocos realizados polo Concello nos últimos 6 anos permitiron pasar dun consumo de 4,8 millóns de kWh/ano aos 3’5 millóns actuais, cuantificándose o aforro en máis de 62.000 €. Neste sentido, compre destacar que o consistorio forma parte do ‘Pacto Europeo de Alcaldes polo Clima e a Enerxía’ para acadar unha reducción das emisións de CO2 nun 40% de aquí a 2030 (isto suporá que o municipio deixe de lanzar 23.271 toneladas de CO2 á atmósfera tomando como referencia as cifras do ano 2017).
Alerta