24 febrero, 2024
A instalación municipal foi construída nos anos 90 polo Concello para outogar unha sede ao clube de Vilariño, que desde a súa fundación en 1962 por Jorge Souto pasara por diferentes campos
O que foi ‘Presidente Honorífico’ faleceu en setembro do ano pasado deixando un clube con equipos en todas as categorías e que representa a máis de 200 futbolistas de toda a comarca
O descubrimento dos paneis coa nova nomenclatura faise coincidir cun partido de liga e a estrea dos novos vestiarios, nos que o Concello investíu preto de 180.000 €
O Campo de Fútbol Municipal de Vilariño, coñecido como ‘Poutón’ polo barrio no que se sitúa, pasará a nomearse oficialmente desde este domingo ‘Jorge Souto’. O Concello de Nigrán rende tributo deste xeito a quen foi o fundador do Racing Vilariño (febreiro de 1962) e histórico presidente desde a súa orixe e ata 1999, cando faleceu a muller e deixou o cargo para asumir o de ‘Presidente Honorífico’ ata a fin dos seus días o 18 de setembro de 2023. Alcalde, familia e directiva do clube descubrirán este domingo no campo municipal sendos paneis coa nova nomenclatura xusto antes da desputa ás 17:00 horas do partido de terceira rexional Racing Vilariño-Tebra. Será un día de estreas no ‘Jorge Souto’, xa que se inaugurarán os novos vestiarios, cun investimento de preto de 180.000 € por parte do Concello.
“Era unha cuestión de xustiza mudarlle o nome. Esta instalación foi construída na década dos 90 para dar cabida ao clube que 30 anos antes fundara Jorge Souto, quen despois de moitas dificultades por culpa de carecer dunha sede acadou esta; é un nomeamento máis que merecido e xustificado”, explica o alcalde, Juan González, quen engade que o propio protagonista, a quen desde hai décadas lle adican un torneo co seu nome, foi coñecedor desta iniciativa antes de morrer. “O seu delicado estado de saúde non fixo prudente realizar o acto institucional, pero a través da súa filla, actual directiva do clube, transmitímoselle a decisión porque non queríamos que fose un anuncio póstumo”, explica González, quen no ano 2019 lle entregou persoalmente unha distinción na ‘I Gala do Deporte’ do Concello de Nigrán.
Jorge Souto Fernández, nacido o 27 de abril de 1939 en Vilariño, San Pedro da Ramallosa, fundou o Racing en febreiro de 1962 ante a carencia dun clube na parroquia e, pola contra, haber mocidade interesada. Como recorda o seu fillo Raúl (quen tamén foi presidente) antes el apenas xogara ao fútbol, pero si era unha persoa moi implicada na vida comunitaria e a quen non lle custaba asumir responsabilidades, boa proba é que foi edil de Urbanismo e Tráfico en Nigrán durante o mandato de Avelino, directivo da Comisión de Festas de San Pedro ou do Casino de Sabarís. A súa persistencia fixo que, fundándose cun único equipo xuvenil en 1962, a día de hoxe o Racing sexa un dos clubes máis importantes da comarca con aproximadamente 200 xogadores en todas as categorías (algunhas delas duplicadas) e contar cun senior de mulleres.
O camiño do Racing de Vilariño non foi fácil, e precisamente por mor do campo de fútbol. Así, iniciáronse no antigo Provalle (actuais Escuela EDVal Miñor-Nigrán) e despois de tres anos alugaron un terreo e construiron o campo de ‘San Antonio’ de Vilariño, onde xogaron como clube federado desde 1965 ata a tempada 1970/71, cando a Federación inhabilita o espazo por non cumplir as medidas mínimas. Nese tempo, acadaran un subcampeonato de liga, diplomas por bo comportamento, uns cuartos de final de copa… Despois deste parón forzado de 8 anos, a Asociación de Veciños ‘Llaves del Val Miñor’ decide retomar o clube, que volve a presidir Jorge Souto. Novamente, o terreo de xogo é un problema, adestrando en Santa Marta (Baiona) a tempada 1980/1981 e despois en Lourido (Praia América), onde loitaron contra a instalación do fútbol-praia de Leri para demostrar finalmente que ese campo pertencía á parroquia de San Pedro e, polo tanto, ao Racing Vilariño. A súa historia continúa xa sen contratempos a partir dos 90 en Poutón, desde hoxe, ‘Campo Municipal Jorge Souto’.
Alerta