13 julio, 2024
O festival de cinema, deporte e medio ambiente ‘Cinema a Pedal’, único en toda España, empezou onte en Nigrán e continúa hoxe e o domingo coas bicicletas que o público debe impulsar para que funcione o proxector
Este mediodía preséntase o libro ‘As bicicletas si son para Galicia’ na Biblioteca e pola tarde, desde as 17:00, haberá actividades na Foz que culminarán coas proxeccións das 22:00 horas. O domingo o Auditorio acollerá a proxección de ‘Bolboreta’ e ‘Tía Hilda’, dous filmes para público familiar
«Este festival é pioneiro en toda España e nos interesa especialmente porque integra deporte, traballo en equipo e, por suposto, cine de calidade e o fomento do uso da bicicleta como medio de transporte sostible e saudable», refire o alcalde, Juan González
A enerxía da veciñanza volveu onte a alimentar o ‘Cinema a Pedal’ para prender o proxector situado no Esteiro de A Foz. Por terceiro verán consecutivo, o Concello de Nigrán celebra desde onte e ata o domingo esta cita única en España. Novamente a proposta é gozar dunha selección de películas de recoñecido prestixio que teñen como tema principal o uso de bicicletas nunha contorna natural máxica. Con todo, a gran diferencia co cine convencional é que o público debe pedalear nas 10 bicis para que a súa enerxía poña en funcionamento o proxector. O resultado é sorprendente: os asistentes aplauden o esforzo e van substituíndo aos primeiros ciclistas para que o filme non se deteña. O Festival Cinema a Pedal naceu en 2013 organizado pola Cinemateca Uruguaia en Montevideo e conxuga varios elementos: o amor polo cinema, o pracer de andar en bicicleta, a convivencia co medio ambiente, as vantaxes de levar unha vida saudable e a necesidade de utilizar enerxías renovables.
Á marxe disto, a programación inclúe a presentación este mediodía na Biblioteca Municipal do libro ‘As bicicletas si son para Galicia’ e desde as 18:00 horas haberá actividades para todos os públicos e concerto no esteiro de A Foz que culminarán coa proxección de ‘The cycling wind’ e ‘Barbara’ ás 22:00 horas. Ademais, no recinto instalarase un ecomercado de produtos de proximidade, cafetería e postos de comida vegana. O domingo a cita será a partir das 18:00 horas no Auditorio Municipal coa proxección das películas ‘Bolboreta’ e ‘Hilda’, ambas para un público familiar.
«Este festival é pioneiro en toda España e nos interesa especialmente porque integra deporte, traballo en equipo e, por suposto, cine de calidade e o fomento do uso da bicicleta como medio de transporte sostible e saudable», refire o alcalde, Juan González, quen precisamente incluíu no goberno local a concellalía de ‘Cultura e Desenvolvemento Sostible’, abarcando o último aspecto o programa municipal ‘Vía Bici’ para facilitar o uso da bicicleta entre a veciñanza, un dos grandes obxectivos deste mandato.
A incorporación deste innovador festival ao panorama cultural estatal débese á paixón polo cinema e polo ciclismo das súas organizadoras, a directora artística de Cinemateca Uruguaia Alejandra Trelles, a xestora cultural e programadora Ana Gontad, e as creadoras de contido Patricia Menéndez e Tamara Alonso. A organización fai fincapé na necesidade de promover este tipo de actividades para que o público tome conciencia da importancia do seu rol no coidado do medio ambiente e agradece o compromiso do Concello de Nigrán e o seu alcalde, Juan González, por acoller o festival “nunha poboación cun forte compromiso coa dinamización da bicicleta como ferramenta de gozo e medio de transporte sostible e saudable, tal e como pon en evidencia o continuo movemento de ciclistas polo carril bici que abeira o auditorio do Esteiro da Foz”.
Alerta