11 agosto, 2024
O artista Juan Rivas é o artífice de 11 obras pictóricas en postes da zona de San Pedro e A Carrasca nas que estende a paisaxe exterior ao soporte provocando un sorprendente efecto óptico
As intervencións, viralizadas esta semana en redes ante o enigma da propia autoría e o proxecto, serán xeolocalizadas para xerar andainas artísticas polos barrios
“Na Ramallosa temos o grandioso mural de Lula Goce encargado polo Concello para transformar por completo a súa contorna e agora quixemos engadir esta outra concepción oposta da arte mural”, explica o alcalde, Juan González
O Concello de Nigrán volve a ser un referente da arte urbana en todo o país. Esta vez da man de Juan Rivas Fernández, pintor, docente e fotógrafo pontevedrés que a semana pasada empezou a deixar a súa pegada en forma de “paisaxe estendida” a postes ou farolas da contorna de San Pedro da Ramallosa e A Carrasca (Parada). As obras, viralizadas desde o inicio en redes polo seu sorprendente efecto óptico e co engadido de que se descoñecía a autoría e o proxecto, serán xeolocalizadas para xerar andainas artísticas polos barrios.
“Na Ramallosa temos o grandioso mural de Lula Goce encargado polo Concello para transformar por completo a súa contorna e agora quixemos engadir esta outra concepción oposta da arte mural na que contido e continente se confunden”, explica o alcalde, Juan González. Bautizado como ‘Pintura no lugar’, este proxecto chegou ao Concello da man do galerista nigranés Diego Santomé, quen mantén ata finais de setembro unha exposición de Juan Rivas totalmente diferente na rúa Argonautas, 34 (cita previa para visitas no 679645016). Nesta ‘mini’ galería Rivas amosa 11 cadros en pequeno formato nos que a paisaxe nocturna é o nexo de unión. “Presentoume a Rivas a tenor desta exposición e, xuntos, faláronme desta idea para Nigrán e non o dubidei nin un instante”, explica o rexedor, moi orgulloso do resultado e da súa acollida.
Así, tras practicamente 15 días de intenso traballo Rivas culminou esta semana as 11 intervencións sobre soportes da propia paisaxe, 9 delas entre os barrios da Igrexa de San Pedro, Camesella, O Souto e O Carballal, e outra no núcleo urbano da Ramallosa, a derradeira, máis afastada, na Carrasca (Parada). “A localización non é caprichosa, quixemos que fose no interior de Nigrán, en zonas menos masificadas e coñecidas, e todas cumpren requirimentos imprescindibles como que a luz do sol afecte por igual nun determinado momento ao soporte e a súa paisaxe adxacente ou que na zona haxa algún elemento diferenciador e medianamente representable para así crear o efecto buscado”, explica Rivas, quen engade que para traballar hai horas previas de paseos e, a maiores, emprega tamén a fotografía. “Gustoume o concepto de levar á xente polos camiños dos barrios do interior para descubrir a obra.
Resulta moi impactante, de repente Rivas fai invisibles os postes estendendo a eles a paisaxe natural da zona, o efecto óptico é moi sorprendente”, subliña González. “Estou moi feliz da acollida en Nigrán por parte da xente. Todo o mundo foi moi agradábel mentres pintaba e se amosaban moi contentos co traballo realizado”, comenta o artista.
As 11 obras son en acrílico e posteriormente vernizadas para que perduren no tempo, tal e como se manteñen aínda as que Rivas realizou en Finlandia (Karakallio, distrito de Espoo) no ano 2019 empregando caixóns de electricidade como soporte. Ata ese momento eran intervencións efémeras porque Rivas pintaba con xis para quedarse simplemente coa fotografía como recordo. Este proxecto ‘Pintura no lugar’ acumula máis de 100 obras exteriores realizadas maiormente en festivais de Galicia, Zaragoza e Portugal e agora suma Nigrán como eixo vertebral do mesmo.
Alerta