O Concello de Oia distribúe axudas á hostalaría local por importe de 28.000 euros

Compartir

O Concello de Oia destinou un total de 28.000 euros a axudas á hostalaría local para paliar os efectos da COVID-19, unha achega realizada a través dun convenio de colaboración coa Xunta que permitiu ampliar o plan de rescate da administración autonómica con aportacións municipais.

O Concello adheriuse recentemente ao convenio proposto pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e máis a Consellería de Emprego e Igualdade para a concesión de axudas ao sector da hostalaría afectado polos peches regulados nas normativas ditadas polas autoridades sanitarias a causa da COVID-19. Este convenio permitiu ampliar o plan de rescate autonómico a través de achegas municipais de 1.000 euros por establecemento, así como simplificar trámites e axilizar pagos.

No caso de Oia, a colaboración entre Xunta e Concello supuxo unha achega municipal de 28.000 euros, a cal foi distribuída entre un total 28 establecementos hostaleiros (todas as persoas pertencentes ao sector da hostalería de Oia que resultaron beneficiarias do II Plan de Rescate da Xunta Programa I-Hostalería). Deste xeito, cada negocio recibiu o importe concedido pola Administración autonómica e 1.000 euros adicionais  procedentes da achega do Concello.

Nos plans de rescate á hostalaría I e II, a Xunta leva destinados 129.100 euros a establecementos radicados no municipio de Oia, importe ao que se suman os 28.000 euros procedentes do Concello a través do convenio de adhesión.

Por outra banda, a Administración local continúa desenvolvendo xestións destinadas á activación doutras axudas para a hostalaría local afectada pola COVID-19. A este respecto, en breve publicará a liña de axudas da Deputación de Pontevedra dirixida a este sector, que no caso de Oia ascenderá a 8.000 euros.