14 agosto, 2024
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explica que a Xunta de Goberno Local tomou esta decisión para procurar que o futuro aparcadoiro teña «o máximo número de prazas gratuítas» ao tempo que se estude a creación dun bono para a xente que teña longas hospitalizacións e para o persoal do propio hospital
O alcalde e portavoz do Goberno, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu en rolda de prensa este mércores, 14 de agosto, para dar conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora. O rexedor quixo destacar a decisión de presentar, por parte do Concello de Pontevedra, unha serie de alegacións ao anteproxecto do estacionamento do novo hospital de
Montecelo.
Esta decisión chega trala publicación, esta mesma semana, no DOG, do anuncio polo que se somete a trámite de información pública o nomeado anteproxecto de concesión de obra pública.
O alcalde lembrou que xa no ano 2019 o Concello propuxera unha alternativa máis económica e funcional nos que se suxería a catalogación dos terreos perimetrais de Montelo (rústicos) como terreos de afectación de infraestruturas, o que abriría a porta a unha futura ampliación ou uso como aparcadoiro destas superficies, abaratando costos de construción.
Tal e como explicou Fernández Lores, os técnicos municipais estimaban que unha praza de estacionamento en superficie tería un custo de 2.000 euros; no anteproxecto que hai sobre a mesa eleva o custo a 20.000 euros por praza soterrada. «Este investimento vai ser pagado, obviamente, por todos os cidadáns e por diferentes vías: pola vía do gasto público e pola vía de pagar unha
vez aparque».
O alcalde fixo fincapé en que o aparcamento «debería ser executado ao mesmo tempo que hospital», para que cando a construción do edificio remate os cidadáns teñan onde deixar o seu vehículo. «Isto vai traer dous anos de atraso, calculamos», sinalou. «Fálase do 2026, pero será case seguro 2027».
As alegación que o Concello de Pontevedra presentará procurarán «que se poñan o máximo de prazas gratuítas públicas posíbeis, e en todo caso, que se garanta que os prezos sexan alcanzábeis e razoábeis», indicou Lores. Doutra banda, tamén se proporá a creación dun bono para a xente que teña hospitalizacións de longa duración e para o persoal do hospital.
Alerta