O Concello de Valga acondiciona a fachada e as estructuras metálicas do Pavillón de Beiro

Compartir
Pavillón Beiro. Fonte: Concello

No recinto deportivo estanse a investir máis de 127.500 euros.

Ademais, os alumnos do Obradoiro de Emprego están a realizar obras de mellora na zona de vestiarios.

 

O pavillón municipal de Cordeiro é obxecto de varias obras de mellora e acondicionamento que afectan ao exterior do recinto e ás estruturas metálicas, cun investimento superior aos 127.500 euros, que financian conxuntamente o Concello e a Vicepresidencia Primeira da Xunta.

Unha das actuacións que está en execución é a substitución e mellora das fachadas de chapa metálica nas caras norte e leste do edificio, que conta con ximnasio, pista polideportiva, vestiarios e aseos, gradas e zona de recepción. Nel practícanse asiduamente fútbol sala, baloncesto, tenis, patinaxe, así coma outras actividades deportivas.

 

Pavillón. Fonte: Concello

Esta obra pretende resolver a situación de deterioro que presenta a cobertura de chapa para, así, mellorar o illamento e eliminar as humidades.

Por outra parte, estase a levar a cabo o acondicionamento das estruturas metálicas do pavillón, que se atopaban deterioradas debido á súa antigüidade, preto de trinta anos. Estes traballos consisten na limpeza superficial e retirada de óxido e corrosión nas zonas en peor estado e a aplicación de pintura especial para ferro, co correspondente lixado e aplicación de imprimación.

 

Pavillón Beiro. Fonte: Concello

Levarase a cabo o pintado das cerchas da cuberta e correas metálicas na zona de pista e gradas, de todos os pilares metálicos e das vigas e correas metálicas de cuberta nas zonas de subida das escaleiras e nas saídas de emerxencia. Tamén se pintarán as varandas da zona de gradas e as portas metálicas exteriores.

 

Pavillón.

Ambas actuacións son executadas pola empresa Zona de Obra O Rosal.

As obras que afectan nestes momentos ao pavillón complétanse coa mellora da zona de vestiarios e aseos, que realiza o alumnado do módulo de albanelería do Obradoiro de Emprego “Xóvenes Moraña-Valga”. Durante as últimas semanas levaron a cabo tarefas de repicado de azulexos e plaqueta, creación de novas divisións para as duchas e aseos e a colocación revestimentos.