A actuación mellora a mobilidade nas rúas interiores da zona industrial e fai gañar máis prazas de aparcamentos para os camións que acoden ás empresas.
Os traballos presupostados en 16.670 euros financiáronse cunha achega autonómica para a mellora das infraestruturas dos parques empresariais.
O Concello de Vilagarcía vén de rematar as labores de pintando da sinalización horizontal do proxecto de mellora da mobilidade e seguridade interna do parque empresarial de Trabanca Badiña. A reordenación dos viais de circulación do polígono coa correspondente sinalización permite aportar fluidez ao tráfico e habilitar novas prazas de aparcamento para os camións que acoden ás empresas, incidindo tamén na mellora da seguridade viaria.
Para financiar a actuación presupostada en 16.670 euros, o Concello contou cunha subvención autonómica concedida a través da liña de axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais de Galicia.
Os traballos realizados foron principalmente de pintado da sinalización horizontal en viais que carecían da delimitación de carrís e zonas de estacionamento. Así, algunha rúa pola que antes se transitaba en dobre sentido, pasou a ser de sentido único, aproveitando o resto do ancho da calzada para habilitar novos estacionamentos para os traballadores e usuarios do parque empresarial, así como para habilitar novas zonas de carga e descarga que faciliten o funcionamento da actividade empresarial.
O proxecto enmárcase nas actuacións de mellora das zonas industriais que está a levar a cabo a Concellería de Promoción Económica do Concello en atención ás necesidades planteadas polas propias empresas na quenda de reunións que se mantén periodicamente co sector. Con esta liña de traballo, o Concello busca ampliar a dotación e mellorar os servizos das zonas empresarias nas que se asenta parte da actividade produtiva e económica da cidade, co obxectivo de facilitar a actividade das empresas de Vilagarcía e contribuír a elevar a súa competitividade no ámbito que lle corresponde á administración pública municipal.
Bocas de incendios
No que ao parque empresarial de Trabanca Badiña se refire, o plan continuará en breve con outro investimento de 13.488 euros para a instalación de 9 novas bocas de incendios coas que complementar ás 3 existentes e aumentar así as medidas de seguridade da zona industrial na que están instaladas 30 firmas, das cales 4 presentan un risco medio de incendio e unha un risco alto.
A zona empresarial de Trabanca non é a única que se está a beneficiar do plan de melloras municipal. En Bamio, o Concello tamén instalou o ano pasado bocas de incendio e está a piques de instalarse a nova sinalética informativa en ámbalas dúas zonas industriais, tamén a petición dos empresarios.