O Concello de Vilagarcía de Arousa acondicionará o camiño de Santa María

Compartir
Concello de Vilagarcía de Arousa. Fonte: Concello

O Concello avalía 17 ofertas para executar o acondicionamento do camiño de Santa María

Cun orzamento de 109.498 euros actuarase nun tramo de 640 metros para dar servizo ás explotacións agrícolas e acceso aos pozos de captación de augas municipais

O camiño ensancharase, asfaltarase e dotarase dun sistema de recollida de augas pluviais para canalizar as escorrentías que baixan polas ladeiras de Lobeira e erosionan a vía

Os servizos técnicos do Concello de Vilagarcía están avaliando as 17 ofertas que se presentaron ao concurso para a adxudicación da obra de acondicionamento do camiño de Santa Mariña, actuación licitada por importe de 109.498 euros. A obra, incluída no Plan Municipal de Mellora de Camiños Rurais permitirá converter nunha vía asfaltada o que hoxe é un camiño de terra moi deteriorado polas escorrentías de augas que baixan do monte. A actuación tamén mellorará a seguridade viaria dos veciños que o transitan con vehículos e maquinaria agrícola para traballar as explotacións existentes na zona e permitirá acceder facilmente aos pozos de captación de augas do Concello.

A actuación afectará a un tramo de 640 metros de lonxitude da vía, que ademais se ampliará ata completar unha plataforma de 6 metros de ancho. O camiño atópase moi deteriorado, xa que as escorrentías da auga que baixa con forza das pendentes do monte Lobeira, producen arrastres de terra e pedras e crean surcos e grandes fochas que dificultan o tránsito, tanto para peóns como para os vehículos. Para resolver este problema, a primeira actuación prevista no proxecto é a instalación dun sistema de recollida e condución das augas pluviais mediante a construción dunha gabia triangular de formigón para canalizar as augas superficiais ata o regato de Santa Mariña, que discorre polas inmediacións.

As obras complétanse coa preparación do camiño mediante labores de desbroce, nivelación, compactación e apertura de cuneta. A continuación estenderase unha capa de zahorra para proceder despois á pavimentación da capa de rodadura mediante extensión de mestura bituminosa en quente.

Os traballos teñen un prazo de execución de 2 meses.

O Concello só terá que aportar para esta obra 66.611 euros, xa que o resto do importe do presuposto finánciase cunha achega de 42.887 concedida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia.