31 agosto, 2021
O Concello de Vilagarcía continúa implementando as infraestruturas e mellorando os servizos dos parques empresariais do municipio coa realización de novas obras. A seguinte actuación levarase a cabo no polígono de Trabanca Badiña e consistirá en ampliar os medios para a loita contra incendios mediante a instalación de 9 novos hidrantes que complementarán aos 3 xa existentes. A obra foi adxudicada esta mañá pola Xunta Local de Goberno á empresa Seguridad Mar, S.L. por importe de 11.149 euros.
A instalación destas novas bocas de incendios reponde a unha necesidade obxectiva posto que as 3 existentes na actualidade resultan insuficientes para cubrir as necesidades do parque empresarial que ten 70.000 metros cadrados de superficie e no que están instaladas 30 firmas, das cales, 4 presentan un risco medio de incendio e unha un risco alto.
Para cubrir toda a superficie do parque empresarial do xeito máis eficaz, os novos hidrantes distribuiranse por diferentes zonas e irán soterrados nas beirarrúas para non entorpecer a accesibilidade. Terán un caudal mínimo ininterrompido de 500 litros por minuto e unha presión de 5 quilos por metro cadrado. Alomenos un dos hidrantes terá unha boca de saída de 100 milímetros.
Para financiar esta obra, o Concello conta cunha subvención autonómica para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais de Galicia. Tamén a través desta liña se acometeu a anterior mellora proxectada polo Concello no parque de Trabanca Badiña: a recente reordenación da circulación interna do polígono a efectos de gañar fluidez e conseguir novas prazas de aparcamento e zonas de carga e descarga. Nesta obra investíronse 16.670 euros.
Estas medidas, proxectadas a través da colaboración das concellerías de Promoción Económica e de Obras e Servizos, enmárcanse no plan de mellora das zonas empresariais que está desenvolvendo o Concello para facilitar a actividade das empresas de Vilagarcía e contribuír a elevar a súa competitividade no ámbito que lle corresponde á administración pública municipal.
Alerta